COVID-19: Galiza ten menos casos pola menor densidade de poboación e a chegada tardía da pandemia

Axentes de Protección Civil de Celanova desinfectando (Rosa Veiga / Europa Press).
Expertas virólogas da USC sinalan que as medidas chegaron antes en relación con outros territorios coa Covid-19 desde había tempo. 

Somos menos e a Covid-19 chegou máis tarde. Estas son as principais razóns polas que o número de casos na Galiza é menor que noutras zonas do Estados español. É a conclusión científica que razonan a profesora Isabel Bandín e o profesor Carlos Pereira, especialistas en viroloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago (USC).

Após consultar os datos proporcionados polo Ministerio de Sanidade, e "analizando os datos porcentuais, vese que Galiza, en porcentaxe de casos, está tras de Madrid, Catalunya, Euskal Herria, Valencia, as dúas Castelas e Andalucía, e por enriba de todas as demais".

Sinalan que "se se consideran os relativos á poboación, Galiza estaría, xunto con Illes Balears e València, só por enriba de Andalucía, Canarias e Murcia” aínda que en mortalidade “estamos, xunto con Murcia, por baixo das demais, sen contar Ceuta e Melilla".

A chegada tardía da Covid-19 a Galiza permitiu que a corentena comezara no inicio da epidemia na nosa terra. “Na Galiza e Murcia, as medidas restritivas aplicáronse en etapas iniciais do proceso epidémico", explican.

Máis falecementos entre os homes

En relación á explicación do maior número de falecementos por  Covid-19 entre homes que entre mulleres, sinalaron que "en xeral os homes presentan unha susceptibilidade lixeiramente superior ás infeccións víricas" que as mulleres, "crese que se trata de factores hormonais", engaden.

No caso das persoas maiores explican que a causa é "a existencia de patoloxías previas", xa que, a medida que aumenta a idade "é habitual que haxa certos problemas, máis ou menos serios, en diferentes órganos, o que fai que moitas persoas maiores teñan problemas de corazón ou respiratorios”.

Prevención no fogar

A obrigatoriedade de quedar na casa e as poucas saídas permitidas teñen que contar cun mínimo de medidas de hixiene preventiva. O lavado de mans, por exemplo, "son suficientes dentro do fogar", aseguran.

No caso de ter que saír sinalan que "esa persoa debe extremar as medidas preventivas”. Ao regreso lavar de luvas e mans e airear a roupa nun espazo separado", explican.

Os teléfonos móbiles poden ser unha fonte de infección. "Os móbiles e dispositivos electrónicos de manipulación manual son, sempre, fonte de transmisión de bacterias e virus".

Por este motivo aconsellan "mantelos limpos como medida de hixiene" e a maneira é "pasarlles un pano de papel suave, humedecido con limpapantallas, ou, na súa falta, con alcol, ou unha solución de xabón moi diluída".