O Goberno español acepta fechar Balears mais non outros territorios

O Executivo de Pedro Sánchez publicará unha orde do Consello Ministerial coa que se prohibe, salvo determinadas excepcións, os voos comerciais e privados e o desembarco de persoas nas Illes Balears, co obxectivo de conter o contaxio do coronavirus.

A presidenta do Govern balear, Francina Armengol, reunidas por videoconferencia con responsábeis de portos e aeroportos de Balears (Imaxe: CAIB)
photo_camera A presidenta do Govern balear, Francina Armengol, reunida por videoconferencia con responsábeis de portos e aeroportos de Balears (Imaxe: CAIB)

A presidenta balear Francina Armengol (PSOE) pediu o aillamento das illas para reducir o contaxio do coronavirus e o Executivo español aceptouno, segundo confirmou a propia Armengol esta terza feira, 17 de marzo, ao tempo que anunciou que se procederá ao de portos e aeroportos.

Porén, o Goberno español continúa a desouvir a petición do Govern catalá de fechar confinar toda Catalunya así como a de distintas forzas políticas que piden tamén o feche de Madrid, ao ser o principal foco da COVID-19, e no caso do noso país, o Bloque tamén pediu blindar Galiza.

Féchase pois Balears, que rexistra segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade en 17 de marzo, un total de 92 casos de contaxio. Non se fecha porén, Madrid con 4.871 nin a Galiza con 292. 

A orde ministerial chega supón case o feche do espazo aéreo e marítimo de Balears, con fortes restricións e algunhas excepcións para garantir os desprazamentos por cuestións de necesidade, como son tratamentos médicos e traballo en servizos esenciais, mais tamén a saída de turistas e o retorno das e dos cidadáns das illas que se atopen no exterior.

"Non poderá chegar ningún pasaxeiro a Balears por vía marítima", sentenciou Armengol

En concreto, prohíbense todos os voos comerciais estatais con Balears e todos os voos privados, tanto estatais como internacionais. Isto afecta por tanto a servizos como os  aerotaxis e os jets privados.

Como excepción, permitirase un voo diario por compañía desde Madrid, Barcelona e Valencia con Palma, e un voo diario desde Barcelona e Madrid cara a Menorca e Eivissa. En canto aos traxectos entre cada illa, permitirase un voo diario por compañía en cada sentido entre Eivissa, Menorca e Mallorca.

Nestes voos deberánse cumprir as restricións impostas polo Goberno, de maneira que non se poderán encher completamente os avións, senón que terán que voar a un terzo da súa capacidade.

Ademais Balears está procedendo á 'operación retorno' das e dos turistas que aínda se atopan nas illas e que son perto de 25.000, á vez que suspende a actividade de hoteis e pisos vacacionais.

Tamén se prohibe o desembarco de persoas de barcos de liña regular e as entradas, en todos os portos das illas, de embarcacións de recreo, xa sexan de particulares ou de aluguer. "Non poderá chegar ningún pasaxeiro a Balears por vía marítima", sentenciou Armengol.

O Executivo español segue rexeitando que existan territorios na crise

A pesar de blindar Balears e de que desde hoxe as fronteiras terrestres do Estado español fiquen fechadas, o Goberno de Pedro Sánchez continúa a negar “que existan territorios” na crise do coronavirus. Desouve así a petición de blindar Catalunya que fixo o Govern de Quim Torra, a solicitude de fechar Madrid para conter o contaxio no Estado e a posibilidade de blindar a Galiza, aproveitando ademais o bloqueo da fronteira sur con Portugal.

Comentarios