Coronavirus Galiza: soben a 78.692 os casos activos mentres seguen a baixar as hospitalizacións

Test de antíxenos da Covid (Foto: Europa Press).
Os novos contaxios da Covid-19 caen após dous días en aumento na Galiza, aínda que fican por riba dos 6.000.

Segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, aumentan a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (+4), mais descenden a 507 as hospitalizadas noutras unidades (-32), mentres que 78.132 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 19 ingresados menos (541).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: Vigo, A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco e Compostela-O Barbanza; mantense na de Ferrol; e sobe lixeiramente nas de Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés.

Así, na de Vigo, aínda que aumentan os pacientes Covid en UCI a nove (+2), descenden a 65 os ingresados noutras unidades (-16); mentres que na da Coruña soben a 13 o críticos (+1), pero caen a 128 os doutras unidades (-12). Na de Ourense tamén se rexistra un descenso significativo nos pacientes Covid en unidades convencionais, que caen a 67 (-11), mentres que aumentan a oito o críticos (+1).

A área de Compostela rexistra sete pacientes Covid en UCI (-1) e 80 noutras unidades (-1), mentres que na de Ferrol aínda que se reducen a dúas o críticos (-1), aumentan a 35 os ingresados noutras unidades (+1). Pola súa parte, na área de Pontevedra increméntanse a oito os pacientes Covid en UCI (+1) e a 81 os ingresados noutras unidades (+5), mentres que na de Lugo soben a seis o críticos (+1) e a 51 os doutras unidades (+2).

Máis casos activos

A Galiza mantén a tendencia ascendente dos casos activos de Covid-19, que se sitúan en 78.692, o que implica 1.456 máis que o día anterior ao haber máis contaxios (6.339) que altas (4.876), ao que se engaden sete falecementos. Con respecto a hai unha semana, a cifra é maior que o venres 14 de xaneiro, cando había 64.781 infeccións tras cambiarse desde o día anterior o sistema de altas con corentenas máis curtas.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden unicamente de novo na de Ferrol (-16), mentres que aumentan no resto coa de Vigo á cabeza (+492), seguida da de Compostela (+340), A Coruña (+335), Lugo (+161), Pontevedra (+85) e Ourense (+59). Por tanto, con máis casos activos continúa a área sanitaria de Vigo, con 20.899; seguida da da Coruña, con 16.187; Compostela, con 12.095; Pontevedra, con 9.260; Ourense, con 8.242; Lugo, con 8.049; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.960.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este pasado 20 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días descende de novo lixeiramente na Galiza a 3.333 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.279 de media no conxunto do Estado, que tamén baixa.

Menos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 baixan até os 6.339, que supoñen 299 menos que os 6.638 da xornada anterior, após os 6.619 da cuarta feira, despois de rexistrar 4.716 a terza feira e comezar esta semana con 4.916. Con todo, están por baixo dos 8.427 detectados hai unha semana, o venres 14 de xaneiro.

Así, desde o inicio desta pandemia ascenden na Galiza a 364.834 contaxiados por coronavirus, dos que 84.998 corresponden á área de Vigo; 77.072, á da Coruña; 55.167, á de Compostela; 45.064, á de Ourense; 43.299, á de Pontevedra; 37.721, á de Lugo; e 21.513, á de Ferrol. En toda a Galiza nas últimas 24 horas efectuáronse 6.799 PCR (-71), que elevan a 3.492.808 as realizadas desde o inicio da pandemia; e 9.491 test de antíxenos (+63), que suman 1.334.122. Entre ambos os tipos constitúen 16.290, o que implica oito probas menos feitas que o día pasado.

En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 tests—, sobe a 23,4% tras situarse en 21,8% esta quinta feira, despis de estar en 18,73% a cuarta feira e descender esta terza feira a 16,3%. Con todo, fica moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en todo o país ascenden a 2.868, ao notificar Sanidade esta quinta feira sete óbitos. Pola contra, 283.323 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse na Galiza desde o comezo desta crise sanitaria, que implican 4.876 máis que as rexistradas até o día pasado.