A coordinadora 'Eólica, así non' mostra o seu rexeitamento ao Plan estatal de eólica mariña

Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
O colectivo apoia a convocatoria de manifestación da Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños para o próximo 11 de marzo na Coruña.

A coordinadora 'Eólica, así non' manifestou este sábado o seu apoio á plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños despois de que esta semana se dera a coñecer o Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM), que abre por primeira vez a porta á eólica mariña na costa galega.

A coordinadora, integrada por máis de 200 entidades sociais do ámbito do ecoloxismo, sindicalismo, montes veciñais, plataformas de persoas afectadas e colectivos sociais, apoia a mobilización convocada pola Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños para o vindeiro 11 de marzo na Coruña, diante da Delegación do Goberno español na Galiza.

Esta concentración ten como obxectivo demandar a retirada do Real Decreto que regula o POEM para que “se respecte a actividade pesqueira e os ecosistemas” e, así mesmo, “se traballe a todos os niveis para dispor da información máis axustada para acometer a ordenación dos espazos mariños”.

Nesta liña, desde a coordinadora 'Eólica, así non' defenden “unha Galiza libre de eólica mariña e a retirada polo Goberno español do POEM aprobado no Consello de Ministros porque a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños está en perigo”.

Incompatibilidade cos usos tradicionais da costa

Por outra parte, o colectivo asegura que os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña “non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou co preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños”.

Segundo afirma, “estes macropolígonos están proxectados nos nosos caladoiros de pesca e producen cambios na temperatura da auga, desprenden enerxía electromagnética e cambios nas correntes mariñas”.

A ollos da coordinadora, o actual modelo de implantación de enerxías renovábeis “carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado, e non obedece ás necesidades do país nin respecta ás persoas nin o medio ambiente”.

Por todo isto, reclama o dereito a unha enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria, xa que “a pesca, a agricultura ou a multifuncionalidade dos montes son as únicas que poden afianzar a seguridade alimentaria do país e as que xeran maior número de postos de traballo directos e indirectos, ademais de contribuír a fixar poboación nos concellos costeiros e rurais”, conclúe.