Controlado o incendio de Baleira, que arrasou 1.400 hectáreas e que sería provocado por unha queima non autorizada

Bombeiros observan o fogo que calcinou 1.400 hectáreas en Baleira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Garda Civil investiga un veciño de Lugo como presunto responsábel do primeiro grande incendio forestal do ano, na comarca da Fonsagrada.

Os incendios forestais declarados nos municipios de Baleira (comarca da Fonsagrada) e Viveiro (A Mariña) quedaron controlados nas últimas horas, segundo vén de confirmar a Consellaría do Medio Rural, e suman case 1.500 hectáreas calcinadas nesta primeira gran vaga de lumes do ano. En concreto, o fogo de Baleira atópase controlado desde as 5.45 horas da madrugada desta sexta feira. Segundo as últimas estimacións, as chamas queimaron 1.400 hectáreas.

Este incendio comezou na tarde da terza feira na parroquia de Cubilledo e até o momento traballaron na zona, onde foi necesario desaloxar a veciñanza de varias aldeas, que xa puido regresar ás súas casas, un dispositivo do que participaron cinco técnicos, 53 axentes, 75 brigadas, 37 motobombas, tres pas e medios aéreos.

Todo apunta a que este lume foi provocado. A Garda Civil imputou en calidade de investigado un veciño de Lugo de 78 anos de idade como suposto autor material, por unha imprudencia grave cometida ao realizar unha queima de restos forestais sen autorización administrativa. O informe técnico estabelece que o lume comezou no lugar de Cabreira-Baleira e, dada a inclemencia meteorolóxica na zona, "con fortes refachos de vento e unha humidade relativa moi baixa", a queima realizada supostamente pola persoa investigada quedou descontrolada.

Desde a Garda Civil destacaron que as chamas afectaron unha zona de especial conservación, localizada na Marronda. Para tratar de esclarecer as causas do maior incendio forestal na Galiza no que vai de ano, os axentes policiais contaron coa colaboración da BIFF do distrito forestal VII e a UIFO da Xunta. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada.

Incendio estabilizado en Alfoz, controlado en Viveiro e extinguido en Agolada

No último parte informativo, a Xunta sinalou que se mantén estabilizado desde a mañá desta quinta o fogo de Alfoz (A Mariña), onde arderon 90 hectáreas na parroquia de Lagoa. Nas tarefas de control traballan un técnico, 17 axentes, 12 brigadas, seis motobombas, dúas pas e medios aéreos.

Medio Rural tamén deu por controlado, ás 21.57 horas desta quinta feira, o incendio de Viveiro, declarado na parroquia de Vieiro e que queimou 90 hectáreas, con base nas estimacións provisionais. Alí participaron no dispositivo dous técnicos, 14 axentes, 12 brigadas, seis motobombas e dúas pas.

Por último, quedou extinguido o incendio forestal declarado na localidade de Agolada (Deza). O lume iniciouse ás 16.57 horas desta quinta e Medio Rural deuno por extinguido ás 3.20 horas. Na súa extinción participaron oito axentes, seis brigadas, catro motobombas, unha pa e medios aéreos. En total, o lume arrasou 30 hectáreas: 20 arboradas e 10 de monte raso.