Galiza conta con 2.300 efectivos menos para a extención de incendios

Dous brigadistas forestais traballan para extinguir as lapas no incendio forestal de Baleira, a 30 de marzo de 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

1.000 bombeiros forestais fixos descontinuos e 1.300 efectivos do Pladiga aínda non se incorporaron ao Servizo de Incendios.

A temporada de grandes incendios forestais comeza este ano 2023 antes do previsto e con 2.300 efectivos por incorporarse aos servizos de extinción de incendios.

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) reclamou á Xunta da Galiza a reincorporación dos 1.000 bombeiros forestais fixos descontinuos após activar a situación de alto risco no Servizo de Incendios.

Así o trasladou o CSIF nun comunicado no que alertou de que o Goberno autonómico mantén inoperativo máis de 50% do persoal a pesar da “alta probabilidade” de que se produzan incendios forestais.

Por iso, a central sindical solicitou á Xunta que adopte medidas "máis contundentes" na defensa dos montes galegos e inicie as negociacións coas organizacións sindicais para ampliar a todo o ano a prestación de servizos destes empregados públicos.Ademais, engadiu, que a isto súmase a existencia dun "gran número de prazas estruturais sen cubrir" e que, asegura, tampouco están activos os convenios de colaboración cos concellos previstos todos os anos no Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

Todo isto, concluíu o CSIF, reduce o dispositivo que debe estar despregado en situacións de alto risco noutros 1.300 efectivos máis.

Rueda, en "alerta", non prevé adiantar o dispositivo

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta quinta feira estar "moi alerta" ante os lumes forestais, aínda que, após ser preguntado pola posibilidade de adiantar o operativo para combatelos, indicou que, polo momento, traballan para que o dispositivo estea "preparado" para cando chege "o período de risco alto" (entre o 1 de xullo e o 30 de setembro). 

"Non estamos acostumados a incendios tan grandes nesta época e é unha posibilidade", esgrimiu, antes de sinalar que se investigan as circunstancias dos últimos incendios rexistrados sen descartar ningunha posibilidade. 

Incendios activos

CSIF fai esta reclamación nun contexto no que se produciu o primeiro gran incendio forestal (GIF) de 2023 na Galiza, que arrasa con últimos datos actualizados máis de 1.400 hectáreas en Baleira (comarca da Fonsagrada). Este GIF, avivado por refachos de vento que alcanzaron até 70 km/h, obrigou, na tarde desta cuarta feira, o desaloxo de varios núcleos habitados nos Concellos da Fonsagrada e Baleira.

A este respecto, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, indicou esta cuarta feira que o incendio de Baleira estaría provocado pola "neglixencia" dun particular durante unha queima. Confirmou, ademais, que o autor do incendio xa foi identificado. 

Continúan activos tamén incendios en Alfoz (A Mariña) e Viveiro (A Mariña). Xunto co xa extinguido en Taboada (Chantada), suman un total de 1.578 hectáreas queimadas, segundo trasladados pola Consellaría de Medio Rural ás 13 horas desta quinta feira.