A Consellaría de Sanidade evita dar a cifra de rastrexadores

Unha ambulancia no hospital de Lugo (Carlos Castro / Europa Press)
O responsábel de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou no pleno do Parlamento que o rastrexo "é un proceso, non un profesional" e repetiu a cifra de máis de 6.000 profesionais.

Na Galiza, non existe o posto de traballo de rastrexador ou rastrexadora. Así o asegurou o recente conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, á pregunta formulada ao respecto polo parlamentario do PSdeG, Julio Torrado. "É un proceso, non un profesional", insistiu García Comesaña.

A capacidade de rastrexo de contactos de persoas contaxiadas foi un dos requisitos do Goberno estatal durante o desconfinamento. A ese efecto, a Xunta da Galiza anunciou en maio a posta en marcha dunha plataforma de seguimento. Daquela estaba composta por 20 operadores.

Mentres outros territorios do Estado dan conta dos rastrexadores que teñen, a Xunta da Galiza insiste desde agosto en que máis de 6.106 persoas están implicadas na tarefa. Entre elas, contabiliza tamén profesionais de Atención Primaria

O responsábel da Consellaría de Sanidade en substitución de Jesús Almuíña reiterou esta cuarta feira, 23 de setembro, esa cifra no pleno do Parlamento. E, cuestionado en concreto polo número de operadores do centro de seguimento da Xunta non ofreceu ningunha resposta.

Torrado tamén inquiriu a cifra de profesionais dedicados ao rastrexo por cada área sanitaria, ao que o titular de Sanidade replicou que non están divididos por ese criterio.

Nós Diario ten dirixido repetidamente peticións de información á Consellaría de Sanidade respecto ao número de rastrexadores cos que conta. Tamén sobre os anuncios publicados pola multinacional Grupo Konecta, que ofertou postos de emprego para esta tarefa na Galiza. Porén, Sanidade non respostou en ningún dos casos.