O coronavirus saca á luz a opacidade sanitaria da Xunta

O informe diario de Madrid, fronte o da Xunta, actualiza os datos por distrito.
Sen desagregación por concellos, nin datos acumulados nin cifras de evolución, de rastrexo ou da presión hospitalaria, a información que a Consellaría de Sanidade fai pública do coronavirus, parcial e asistemática, dificulta ter unha foto real da incidencia da pandemia ou do seu impacto no sistema sanitario, e coloca Galiza á cola en transparencia. Outras Administracións, incluso da mesma cor política que a galega, si ofrecen á súa veciñanza e profesionais da sanidade unha imaxe máis clara de como a enfermidade afecta o seu territorio

A Consellaría de Sanidade ordenou esta semana reforzar as restricións para o ocio, a hostalaría, os centros sociosanitarios, as bibliotecas e varios servizos máis en Ourense, Compostela, Santa Comba, Carballo e A Laracha, para igualalas coas que operan desde o mes pasado na Coruña e a súa comarca e en Lugo, ao localizarse nestas poboacións os focos "máis preocupantes" de coronavirus. 

No caso de Compostela, a decisión xustifícase polo aumento da taxa de incidencia do virus no municipio, cun número reprodutivo básico instantáneo (R0) por enriba de 1 e un intervalo de confianza superior superando o 1,5, o que, segundo o Servizo de Saúde Pública, indica un abrollo "non controlado", ademais de taxas sinaladamente positivas entre a poboación de 20 a 24 anos e unha porcentaxe de PCR positivas de 7%.

Nesas mesmas datas, Santa Comba  tiña unha taxa de incidencia acumulada de 435 por 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas –a media galega estaba, a 28 de agosto, en 62, segundo informou o director xeral de Asistencia Sanitaria, en rolda de prensa– e acumulaba 16,3% de positivos nas 246 PCR, con 95% dos positivos da comarca, nun foco de "alto risco".

Estes indicadores, que se recollen nos informes que a Xunta remite aos xulgados para que avalen as medidas preventivas impostas –e plásmanse nos autos–, non son de acceso público, como tampouco o é a incidencia da enfermidade por concellos ou a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas.

Todo o que a Consellaría de Sanidade comunica a diario  é o número de casos activos, a nivel galego e por áreas sanitarias, o número de persoas que se atopa hospitalizada ou na UCI, os falecementos diarios e acumulados, as curacións acumuladas e o total de PCR realizadas, ademais dos casos en residencias de maiores, tanto contaxios como falecementos acumulados, entre o persoal profesional e residente.

Para coñecer o número de novos contaxios é necesario sumar aos casos activos que ofrece a Xunta o número de curacións do día, que tamén hai que calcular. 

Coñecer información que si proporcionan outras Administracións territoriais só é posíbel, e de forma asistemática, a través dos autos xudiciais que ratifican as restricións que impón o Goberno galego, da información que trasladan as distintas áreas sanitarias, da que de maneira illada subministran algúns concellos e da que periodicamente emiten o Ministerio de Sanidade e organismos vinculados como o Instituto de Saúde Carlos III.

Outra fonte está nas comparecencias públicas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e do conselleiro de Sanidade en funcións , Jesús Vázquez Almuiña, nas que, de forma recorrente, se inclúen datos imposíbeis de cotexar nin seguir, desde as porcentaxes de casos "orfos" nunha área sanitaria, a ocupación hospitalaria nun momento concreto ou a incidencia da Covid-19 en determinados barrios, e sen que se poida coñecer tampouco o criterio que leva a facilitar esta e non outra información.

Este déficit de transparencia, que vén sendo posto de relevo desde a oposición ao Goberno galego e plataformas sanitarias, faise notorio ao comparar a información que facilitan outros servizos sanitarios do Estado español, que é, a excepción de Estremadura –que tampouco fai pública a información epidemiolóxica–, máis abundante e detallada. 

Así, por exemplo, as comunicacións da Consellaría de Saúde de Andalucía achegan taxas de hospitalizacións por provincias, así como número de PCR realizadas e positivas ou número de abrollos, tamén localizados por provincia. Ademais, a web da Consellaría permite acceder a datos estatísticos por distrito sanitario e por municipio, con disposición da evolución epidemiolóxica. 

Castela e León ofrece, a través de mapas, a ocupación en tempo real das camas hospitalarias ou as PCR positivas por cada 10.000 habitantes segregadas por municipio.

Mesmo a Comunidade de Madrid, malia a dubidosa fiabilidade da súa información, facilita cifras actualizadas e acumuladas de hospitalización, UCI e falecementos –actualmente no punto de mira por indicios de falsidade–, PCR positivas por día ou situación epidemiolóxica por municipios e distritos. 

"Que os datos non se dean por concellos representa unha falta de transparencia total", observa o doutor Luís Vázquez, experto en análises clínicas, quen defende que esta información é "fundamental para profesionais, porque permite anticiparse en tres ou até catro semanas, pero ademais é un dereito que están a demandar concellos e veciñanza".

Como fai notar, unicamente cando un municipio está sometido a restricións sanitarias reforzadas comeza a recibir da Xunta as súas cifras de casos e de seguimento de contactos. 

Parámetros como a incidencia acumulada –o número de novos casos nun período de tempo determinado, unha ou dúas semanas,  por cada cen mi habitantes–, que amosa a evolución da enfermidade, e a razón de taxas de incidencia –o número de casos nunha semana dividido pola semana previa–, "axudan a pór os datos en perspectiva e dan un coñecemento epidemiolóxico", apunta, para demandar tamén información demográfica que si é accesíbel noutros territorios, como a incidencia por franxas de idade ou por sexo. 

"Falamos de información que a Administración xa ten, unicamente tería que facela pública, algo que sería moi sinxelo e que ademais é transparencia", observa o especialista, que pon o foco en indicadores que a Xunta non dá e que permiten facer seguimento da incidencia do virus. 

Rastrexo de contactos

É o caso da porcentaxe de PCR positivas. "Por enriba de 5% é un mal indicador, que apunta a un baixo control e á posibilidade de transmisión comunitaria", exemplifica. O mesmo ocorre, aos seus ollos, coas cifras relativas a rastrexo de contactos. "Aí é onde se ve se o número de persoas rastrexadoras é real ou non", advirte, en alusión ás afirmacións de Feixoo, que sitúa estes equipos por enriba das 6.000 persoas, incluíndo neles persoal sanitario, médico e de enfermaría, que só puntualmente asume esta función.

O último informe do Instituto Carlos III, do día 3, sitúa Galiza como o territorio con menor capacidade de rastrexo, cunha porcentaxe de contactos descoñecidos que chega a 79,7% –a segunda é Catalunya con 56,8% e a media estatal está en 43,7%– e unha media de catro contactos identificados por caso.

"Moi baixa", razoa o doutor Vázquez, quen infire dela que o rastrexo "non se está a facer ben e tampouco o seguimento", traballo que, aos seus ollos, permitiría, co apoio da app estatal que xa está operativa noutras comunidades, "detectar moitos máis casos e ter controlados os focos".