Concentracións para reclamar probas da COVID-19 a todo o persoal sanitario

Persoal sanitario concentrouse ante as portas do hospital de Montecelo e de Pontevedra na terza feira (Imaxe: Nós Diario).
Apuntan a profesionais que superaron a enfermidade exercendo e reclaman equipos de protección individuais de calidade e poñer solución a precariedade laboral dos contratos asinados por días o renovados cada medio mes. "A xente está moi fatigada", denuncia Ramón Otero, traballador de Urxencias no Montecelo.

Non estamos todas, isto nunca máis", "Coida a quen te coida" ou "Test PCR e EPI para todos e todas" foron algúns dos lemas que acompañaron a concentración do persoal sanitario ante o hospital Montecelo e o Hospital de Pontevedra.

A acción, convocada polas centrais sindicais CESM, CIG, Comisións de Base, O'Mega, Prosagap e Traballadores da Sanidade Pública, diríxese á Consellaría de Sanidade para reclamar a realización de probas da COVID-19 ás traballadoras, máis equipos de protección ou o reforzo dos cadros de persoal.

Contaxios entre o persoal

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, en 2018 o Sergas contaba con 35.136 profesionais, dos cales 18.873 corresponden a traballadoras das especialidades de Medicina e Enfermaría. Desde a chegada da pandemia ao país e até o 24 de abril a Consellaría de Sanidade contabilizou 1.233 contaxios por coronavirus entre persoal sanitario de toda a Galiza.

De todas as áreas sanitarias, a de Pontevedra foi a que rexistrou unha menor incidencia da COVID-19, con 197 casos de media por cada 100.000 habitantes segundo datos do 28 de abril. Unhas cifras que levaron a xerencia da área a abrir a porta a retomar a actividade asistencial.

A propia xerencia asegurou no mesmo día das concentracións que só 2.5% do persoal contraeu a enfermidade  dun total de 3.600 profesionais.  
"Nunca nos vimos desbordados", valora Ramón Otero, enfermeiro de Urxencias en Montecelo e delegado da CIG-Saúde. Segundo apunta, o non facer probas ao total do persoal "é unha discriminación".

Máis inxustificada, abunda, en tanto que do total dos contaxios o sindicato cifra en 24% os correspondentes a traballadoras da lavandaría, servizos de administración ou laboratorios de microbioloxía".

"Non só contaxian os pacientes, tamén nós", afirma Otero, salientando que algunhas das compañeiras que se someteron aos tests de anticorpos descubriron que superaran a COVID-19 sen decatarse e sen deixar de exercer. "Isto non acontece na área de Pontevedra e O Salnés, senón en todas as áreas", alerta.

"A xente está moi fatigada polo estrés do traballo, a incerteza de se enfermaron e o medo a contaxiar as súas familias", resume Ramón Otero, matizando que esta situación se agrava "no persoal cunha gran precariedade laboral, con contratos por días ou renovados cada medio mes". 

A enfermaría elevou unha queixa

A detección de positivos entre profesionais sanitarios que traballan en plantas presuntamente "limpas" da COVID-19 motivou que o Sindicato de Enfermaría (Satse) esixa a realización de tests ou probas PCR a "todo o persoal sanitario".

Satse achegou unha denuncia ao Comisión Central de Sanidade que, anunciou, elevará á Inspección de Traballo "ante a inhibición por parte de prevención de riscos laborais" e dos servizos de "medicina preventiva dos centros".

A esixencia tamén foi trasladada, segundo informan, ás xerencias das áreas sanitarias. 
"Nalgunhas áreas lévanse a cabo, mais só nas zonas COVID-19", explica o sindicato a través dun comunicado. Na de Vigo, apuntan, "insisten en que non é preciso facer tests aos profesionais que traballan en zonas limpas". 
 

Atención Primaria

Na área sanitaria de Pontevedra, o persoal de Atención Primaria é outro dos máis afectados pola COVID-19, apunta Otero. O mesmo encargado de realizar o estudo de seroprevalencia deseñado pola Xunta da Galiza.

Paralelamente, o persoal segue sen saber se contraeu a enfermidade. "Atendes xente e non sabes se a podes contaxiar", lamenta Ramón Veras, médico de Atención Primaria na área sanitaria da Coruña.

"Desde o comezo reclamamos que se nos fixesen. Somos axentes de transmisión e se transmitimos a enfermidade é un problema", apunta Veras, salientando que a existencia de doentes asintomáticas dificulta a detección de contaxios entre as profesionais sanitarias.