Comeza o estudio epidemiolóxico para coñecer a incidencia do coronavirus na Galiza

Imaxe dun laboratorio que traballa en fármacos para pacientes con coronavirus (Europa Press)
A Xunta inicia hoxe o estudo epidemiolóxico co que pretende definir a "auténtica dimensión" da epidemia da COVID-19. Mediante test a persoas elixidas de forma aleatoria, recollerá, nesta primeira fase, 50.925 mostras entre as diferentes comarcas e concellos. A segunda da súas fases terá lugar dentro de catro semanas, despois de obter os primeiros resultados. 

O estudo procura, segundo indica a Consellaría de Sanidade, un tripo obxectivo, como é estimar a prevalencia da inmunidade fronte á COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir a súa repercusión segundo ás variábeis de sexo e idade, e monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.

Con eses datos, a Xunta quere  "poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais".

A través deste estudo, o Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico galego a través de dúas mostras de 50.925 persoas seleccionadas de forma aletoria. Para iso, o Instituto Galego de Estatística (IGE) definiu, en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan  todas as comarcas e distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar ás 50.925 mostras de cada fase.

Nas sete cidades, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 3.500 na Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.

Citas para realizar os tests desde hoxe

Esta misma mañá, a Consellaría comezará a citar a cada unha das persoas seleccionadas. O Instituto Galego de Estatística será o encargado de enviar o listado  a cada un dos centros de saúde das áreas territoriais definidas.

A citación ás probas realizarase, segundo informan desde a Xunta, mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras unha pequena enquisa, concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado.

A toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non. Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio.

Os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.