"Paréceme inconcibíbel que á miña familia non se lle faga a proba do coronavirus"

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Pablo Suárez Iglesias leva case tres décadas traballando no servizo de limpeza na área sanitaria de Vigo, privatizado pola Xunta da Galiza. Hoxe permanece na súa casa após dar positivo nas probas da COVID-19. Desde o fogar, reivindica a importancia da súa profesión: "Desde o primeiro até o último, todos somos necesarios".

Cal é o seu posto de traballo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo?

Traballo no servizo de limpeza, recollendo os contedores biocontaminantes do centro. Antes estiven destinado no hospital do Meixoeiro, durante 27 anos, e despois fun trasladado aquí. O servizo está externalizando, mais aínda que a empresa que o xestione mude o persoal é subrogado, evidentemente.

Como mudou o día a día tras a declaración da emerxencia sanitaria? Como era a situación no seu centro hospitalario?

Tiñamos máis carga de traballo e bastante incertidume, pois non había protocolos de actuación por parte da empresa. Eu formo parte do comité de empresa e preparamos un protocolo que incluía instrucións para poñer e quitar os EPIs, por exemplo, aínda que non era a nosa función.

Practicamente ao principio da epidemia xa me contaxiei, os primeiros fomos o persoal do comité

Cando soubo que estaba contaxiado da COVID-19?

Practicamente ao principio da epidemia xa me contaxiei, os primeiros fomos o persoal do comité. Onte fun polo hospital e explicáronme que pola mañá, despois de realizar as probas, mandaron a seis persoas a súa casa despois de dar positivo. Teñen que confirmar con PCR, pero polo de agora deben ficar nos domicilios. E antonte sei que detectaron outras dúas ou tres persoas contaxiadas.

Cales foron as instrucións que recibiu desde o Sergas?

Fanche a proba e automaticamente, aínda que non teñas sintomatoloxía, marchas para casa. Estás en illamento estrito nun cuarto, así estiven eu até esta segunda feira. A pasada semana, tamén na sgunda feira dixéronme que podía facer vida normal dentro da casa. Mais hoxe dixéronme que usase a máscara, porque volvín dar positivo no test. Seica ten pouca porcentaxe de contaxio, pero explicaron que era preciso. Esperemos que a carga viral que poida ter sexa mínima, porque vivo cos meus dous rapaces e a miña muller.

Esperemos que a carga viral que poida ter sexa mínima, porque vivo cos meus dous rapaces e a miña muller.

Mantense en contacto coas súas compañeiras de traballo?

Si, estano levando ben. No meu caso o contacto co médico non foi moito, unha chamada á semana. O máis denunciable é que ás persoas da túa contorna non se lles faga a proba. Antes de presentar síntomas hai un período de incubación, está claro que eu levaba contaxiado un tempo cando detectaron a enfermidade e paréceme inconcibible que a miña familia non se lle faga a proba. Miña muller chamou ao médico de cabeceira para pedir a proba, mais este explicoulle que daban a miña familia por contaxiada, sen síntomas. Chamamos ao teléfono da Xunta e dixeron o mesmo, que supoñían que debían estar contaxiados.

Sei que as familias dos meus compañeiros, tamén illados, tampouco llas fixeron. Se queremos cortar a cadea de transmisión temos que facer esas probas.

E ao resto do persoal fixéronlle as probas?

Onte comezaron a facerlles a proba a todas. Previamente, cando de detectaron os primeiros positivos, facíase a compañeiros que estiveran en contacto directo comigo ou con outros contaxiados. Houbo unha compañeira que estivo agardando seis días a que lla fixeran.

Eu agardo que tanto a xente coma, sobre todo, o Sergas comecen a valorar que todos os que traballamos no sistema de saúde, desde o primeiro até o último, somos necesarios

Como persoal que traballa nun centro hospitalario como valora a xestión da emerxencia sanitaria?

Ao comezo era un caos. Os propios profesionais sanitarios denunciaron a falta de protección, a falta de protocolos. Moita xente se queixaba porque non tiña medios. Eu non o vivín tanto porque fun das primeiras persoas en contaxiarse. Na limpeza tamén houbo moita falta de previsión, de persoal e de medios. Agora parece ser, polo que me explican, que a situación está máis normalizada e a organización mellorou.

Eu agardo que tanto a xente coma, sobre todo, o Sergas comecen a valorar que todos os que traballamos no sistema de saúde, desde o primeiro até o último, somos necesarios. Ao persoal do servizo de lencería do hospital (que organiza a roupa de cama, batas etc.) non lles están facendo as probas. Se non hai desinfección e boas condicións dificilmente se pode traballar nun centro hospitalario.