Persoal de Atención Primaria denuncia falta de medios e información no inicio dos tests masivos do Sergas

(Europa Press)

Persoal médico e de enfermaría lamenta que non fosen sometidos ao test antes de realizar este traballo epidemiolóxico cos pacientes.

O estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia do COVID-19 na poboación da Galiza empezou esta quinta feira co "enfado" de persoal de enfermaría e médicos de Atención Primaria pola falta de "información pormenorizada" e de medios en centros de saúde, que farán os test para este traballo.

Así o trasladaron a Europa Press fontes destes colectivos sanitarios de Galiza, que comentaron que hoxe o persoal de enfermaría comezou a chamar aos pacientes escollidos ao chou para o estudo, aos que se fai unha enquisa sobre se tiveron síntomas compaíbeis co coronavirus e citáronos para a extracción. "A xente está a responder ben", comentaron. Nalgún centro de saúde prepáranse, mesmo, coa colocación dunha carpa no exterior para a recollida de mostras.

En relación ao arranque deste estudo, apuntaron "erros informáticos", que impediron gardar enquisas nalgúns casos, e a ausencia (a media mañá) de test para comezar a sexta feira as extraccións en centros de saúde, todo iso atribuído "ás présas". Por iso, apuntan "incerteza" para comezar as probas.

Precipitación

A responsábel de Satse na Galiza, Carmen García, subliñou, en declaracións a Europa Press, que o persoal de enfermaría de Atención Primaria "non foi informado pormenorizadamente" sobre a realización do estudo. "Están a facelo de forma precipitada", criticou, para lamentar que "non se informou coa antelación necesaria".

Ao "enfado" das enfermeiras súmase o de persoal facultativo porque, explicou a Europa Press o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez Piñeiro, iníciase este estudo, co que "están de acordo", recalcou, "sen facer test ao persoal sanitario" previamente.

"É un estudo sobre a prevalencia na poboación e non sabemos (o persoal) se somos portadores (do virus)", afirmou o doutor Rodríguez, responsábel da área de primaria da entidade colexial pontevedresa, quen defendeu que "primeiro" se debería "facer un estudo sobre o persoal sanitario".

Ademais, en relación aos medios dispoñibles, Manuel Rodríguez comentou que "unha porcentaxe bastante alta" de centros de saúde "non ten medios suficientes". "A xente está disposta a render máis do que pode", concluíu.