A loita contra a COVID-19 nos centros de saúde: “O Sergas non nos fai test porque 70% daríamos positivo”

Exterior do Centro de Saúde do Ventorrillo, na Coruña (Foto: Nós Diario).

Unha enfermeira do Centro de Saúde do Ventorrillo, na Coruña, denuncia a excesiva “carga de traballo”, a “ausencia  de EPI” e que ao persoal sanitario non se lle practican test a pesar de estar “expostos” ao coronavirus.

“Ignorados”, “abusados”, explotados”… non hai palabras abondo para que Susana Guizán exprese toda a súa indignación, toda a carraxe que leva dentro.

Esta enfermeira do Centro de Saúde do Ventorrillo, na Coruña, non teme dar o seu nome porque sabe que o que pide é “o xusto”, que a Atención Primaria “deixe de ser a parente pobre” do sistema sanitario. “Está desatendida, devastada, os profesionais mal considerados, é unha cousa escandalosa e patética o que pasa coa atención primaria, resulta deprimente”, engade.

Os problemas e a carga de traballo acumúlanse no día a día do centro de saúde máis grande da cidade, e o que dá servizo a unha poboación máis marcada pola migración e as persoas en situación de marxinalidade e risco de exclusión social desde o inicio da pandemia, “e agora Feixoo, a Xunta e o Sergas pretenden que se leve a cabo o estudo de seroprevalencia a 555 dos nosos doentes a costa do noso esforzo, pois somos as enfermeiras quen os facemos”, explica Guizán.

"Falta de seguridade"

Mais a profesional sanitaria aclara que o problema non responde exclusivamente ao traballo extra que representa para un colectivo absolutamente saturado polo devastadores efectos da pandemia, senón á “falta de seguridade” coa que o Sergas pretende que o leven a cabo: “Temos que facer fronte a esta demanda sen reforzo de persoal e sen medios materiais, porque non nos mandan EPI, e aínda por riba pretenden que vaiamos á casa do doente a facerlle o test se el ou ela non poden vir. E como? E con que seguridade para ela e para nós?”.

As súas queixas susténtanse en que os EPI dos que dispoñen “non son EPI”. “EPI son os que levaban as profesionais cando foi o do ébola. A unha batiña transparente que non é nin impermeábel e que ás veces racha mentres a estas poñendo non se lle pode chamar EPI”, revela Susana Guizán, que apostila que nos centros de saúde non teñen “EPI, nin mascarillas, nin pantallas protectoras... nada. Vivimos de esmolas que nos dá xente que ten impresoras 3D, por exemplo, pero quen nos ten que protexer, que é o Sergas, non fai nada por nós”.

“De feito, hai 15 días tiveron o descaro de facernos chegar unhas mascarillas FFP2 especificando que eran para reutilizar, e unha por cabeza, pero non fai falta ser epidemiólogo para saber que as EPI son de usar e tirar”, critica.

Se das negativo, a traballar

A enfermeira Susana Guizán móstrase especialmente doída polo feito de que non se practiquen test da COVID-19 de forma masiva ao persoal sanitario: “Non nos fan test. Aquí –no Centro de Saúde do Ventorrillo- só lle fixeron a proba a tres médicos, e porque tiveron contacto constatado cun caso de coronavirus positivo, e en canto saíron os resultados e viron que era negativo, nin corentena nin nada, a traballar”.

Guizán está convencida de que o Sergas “conscientemente” non testea aos profesionais da sanidade porque “70% daríamos positivo, pois estivemos traballando sen protección”. Xa que logo, “se 70% temos que ir para a casa 14 días, porque é o protocolo, quen traballaría? Terían que fechar o centro de saúde máis grande da cidade”, laiase esta loitadora contra a COVID-19, que desvela que no seu lugar de traballo libráronse “de pura chiripa” de empregar o material defectuoso do fabricante Garry Galaxy, que na última semana provocou a infección de máis de medio cento de sanitarios galegos esparexidos por todo o territorio do país.