Concentración en Ourense en denuncia da vaga de incendios e a "precariedade" do servizo de extinción

Protesta de persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais fronte a sede da Xunta o 30 de xullo de 2020 (Imaxe: Arxina).
Unha concentración protestará diante da Subdelegación do Goberno estatal en Ourense pola "falta de responsabilidades" dos lumes forestais neste verán. En tanto, a Xunta da Galiza continúa coas tarefas de limpeza das beiras das estradas para prevención, uns traballos cuxo remate estaba previsto a finais do mes de xullo.

Unha ducia de colectivos e sindicatos concentraranse este sábado diante da Subdelegación do Goberno estatal ás 20 horas “en protesta pola falta de responsabilidade na vaga de lumes” nas comarcas de Ourense, Verín, Viana, a Limia e outras do interior do país. Paralelamente, desde o 1 de agosto esténdese a folga “indefinida” do persoal técnico do servizo de prevención e extinción de incendios da Xunta.

A organización desta concentración “de urxencia” sinala a “precarización do servizo de incendios” e lembran “a morte do traballador Javier Verdim”, o piloto dun hidroavión que faleceu este mes. No mes de xullo, Galiza rexistrou un total de 568 incendios forestais, segundo datos achegados polo conselleiro de Medio Rural, José González. En Cualedro, un lume arrasou 1.530 hectáreas de terreo, o de maio envergadura desde a vaga de 2017. As lapas tamén castigaron o parque do Xurés e municipios como o de Monterrei, Viana do Bolo ou Verín.

A Xunta continúa coa limpeza das estradas

En tanto, a Xunta continúa cos traballos de limpeza das marxes das estradas galegas para previr incendios forestais. En concreto, está a levar a cabo estas tarefas nas comarcas de Noia, Fisterra, Terra Chá e Ourense. As actuacións “céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas das marxes, así como no acondicionamento de sendas peonís”.

Estes traballos na marxe das estradas arrancaron no mes de maio, coincidindo co desconfinamento da poboación, nas comarcas da Mariña, O Baixo Miño ou Vigo. Nun comunicado do 4 de xullo, xa iniciada a tempada de alto risco de incendios, a Administración galega informou de que a finais dese mesmo mes estaba prevista a finalización “de todas as labores programadas”.

Porén, estes traballos que fan parte do plan de prevención da propia Xunta, aínda non finalizaron mentres se achega a fin do segundo mes de alto risco de incendios forestais.

UXT denuncia prazas sen cubrir nas brigadas

O 16 de agosto, o sindicato UXT censurou que, segundo as súas propias estimacións, 20% das prazas das brigadas de dispositivo de extinción de incendios da Xunta estivesen sen cubrir. “Significa que non se pode garantir a seguridade no traballo”, valorou a central sindical nun comunicado.

No mesmo, UXT criticou a “incompleta e escasa cobertura” do operativo de extinción de incendios forestais este verán. O sindicato reclamou que se cubran “todos os postos vacantes e non vacantes, ao igual que as baixas de longa duración”. A falta de cobertura, agregou, percíbese nas categorías de condutores de motobombas e vixilantes.