Décadas de lume na terra da chispa

Incendio forestal en Monterrei o 24 de xullo (Imaxe: Brigada de Marroxo).
Entre 2007 e 2018 arderon no distrito forestal XIV Verín-Viana un total de 43.741,95 hectáreas de terreo, converténdoo no máis afectado polos incendios dos 19 nos que se divide Galiza. Uns datos que se repiten desde inicios de século nunha área que concentra grandes incendios forestais, unha espiral que acelera a marcha da poboación e mais a degradación do territorio. 

Un "deserto negro". Así describe veciñanza do concello de Monterrei á pegada que deixaron as lapas que, até onte, calcinaran máis de 720 hectáreas de terreo. O distrito forestal de Verín-Viana suma ademais os incendios de Verín e os de Viana do Bolo, con máis de mil hectáreas arrasadas a piques de rematar o primeiro mes da temporada de alto risco.

"A nivel de distrito a tempada comezou tranquila", explica a Nós Diario o bombeiro forestal e xefe de brigada neste distrito, David López Fernandez. Porén, nas pasadas xornadas encadeáronse sucesivos incendios. Alén das condicións meteorolóxicas propicias e ausencia de precipitacións, a demora nos labores de limpeza de biomasa por mor da Covid-19 favorece a expansión de lumes nestes meses.

O historial do distrito forestal XIV Verín-Viana dá conta das particularidades desta área. Abrangue os municipios de Castrelo do Val, Cualedro, a Gudiña, Laza, a Mezquita; Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso, que entre 2007 e 2018 sumaron un total de 5.017 incendios, nos que arderon 43.741, 95 hectáreas de terreo, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE).

"Diríamos que estamos resignados e á vez enfadados porque sabemos que isto non é a primeira vez que pasa na nosa zona e, moi tristemente, somos conscientes de que vai seguir pasando", sinalou Mabel Villamarín, veciña da parroquia de Salgueira, en Monterrei.

A principios de século, este distrito xa acumulaba os maiores picos de incendios do país e moitos dos grandes incendios forestais da Galiza. No informe do Ministerio de Agricultura relativo ao período 2006 a 2015, producíronse na Gudiña 699 incendios; 630 en Viana do Bolo e 609 na Mezquita. E, se ben Manzaneda foi o municipio con máis terreo afectado, seguírono o de Viana do Bolo, con 6075 hectáreas arrasadas, e o de Cualedro, con 5.484. 

A orixe da chispa

Que causas explican que estes municipios ardan ano tras ano? Non existen as respostas concretas, advirte director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos. "Podemos arrodear os factores, mais a causa última é difícil de saber", expón a este medio.

A enxeñeira forestal Verónica Liñares traballou durante un verán como xefa de brigada no municipio de Viana do Bolo. "Foi en 2015, un ano bastante bo, aínda que si tivemos dous incendios grandes", explica por teléfono a Nós Diario.

As áreas que concentran grandes incendios, caso do distrito XIV, sofren unha aceleración do seu abandono e unha homoxeneización do seu territorio. "A vexetación que se recupera ten a mesma estrutura, e neste caso en concreto houbo piñeiros adultos que foron substituídos por acacias, mato e piñeiros máis novos, un combustíbel máis propenso a prender", sinala Picos.

Esta espiral de grandes incendios, como a describe o tamén profesor da UVigo, ten outras consecuencias, como a progresiva erosión do solo, que empeora nos tempos de seca. Isto combínase con outros factores. "As aldeas están moi illadas e a poboación moi envellecida, co abandono dos distintos usos do monte e das explotacións perdeuse esa estrutura de mosaico do territorio que axudaba a controlar os incendios", apunta David López Fernández.

Na Galiza, tamén neste distrito, máis de 90% dos incendios non teñen orixe natural, mais non todos son intencionados. "Persiste o uso do lume para limpar as leiras e coas condicións actuais é moito máis doado que se descontrole e derive nun fogo", exemplifica David López Fernández. De feito, nos pasados anos foron varias as persoas detidas de setenta ou oitenta anos por causaren incendios por mor dun descoido ao prenderen fogo a uns rastrollos. "É unha cuestión moi arraigada, é complexo trasladar que non seguir facendo igual que antes", di Liñares.

Mais tamén persiste o uso do lume como castigo ou como vinganza, a raíz de disputas veciñais, ou con outros intereses. "Hai evidencias de episodios nos que se procura provocar incendios forestais e parroquias nas que a intencionalidade subsiste", agrega Juan Picos. Neses casos, afirma, é fundamental chegar a orixe dos conflitos para poder abordalos

Rachar coa espiral

Picos engade que é fundamental atallar as espirais de incendios como a que asolaga o distrito Verín-Viana. "Como todo problema complexo, as solucións tamén son complexas", advirte, matizando que deben provir non só desde as achegas técnicas, da enxeñaría forestal ou da bioloxía, se non tamén desde a socioloxía. "E dunha clara aposta política e económica para reverter esta situación", puntualiza.

O bombeiro David Fernández López engade que desde o colectivo ao que pertence, a Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (Apropiga), consideran fundamental o retorno a un uso multifuncional do monte. "Hai que intervir, ou continuaremos con semanas lamentábeis como a que acabamos de vivir", remacha Juan Picos.