O persoal técnico de incendios converte a súa protesta nun recoñecemento aos tripulantes do avión sinistrado

O persoal técnico de incendios converte a súa protesta nun recoñecemento aos tripulantes do avión sinistrado
A protesta que tiñan convocada para este domingo, cando se cumpren oito días da súa folga indefinida, converteuse nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba onte nos labores de extinción do incendio de Lobios e que provocou a morte dun dos tripulantes e feridas ao outro.

Os técnicos de incendios forestais converteron a protesta que tiñan convocada para este domingo, cando se cumpren oito días da súa folga indefinida, nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba este sábado nos labores de extinción do incendio de Lobios  e que provocou a morte dun dos tripulantes e feridas ao outro.

Un dos representantes destes traballadores, Xabier Bruna, da CIG, explicou que a concentración de hoxe -unha protesta que vai cambiando de escenario por diferentes territorios da Galiza e que este domingo se desenvolveu en Lugo- foi silenciosa debido ao accidente.

Dado que aínda non tiveron contactos coa Consellaría  do Medio Rural para negociar unha saída ao conflito, Xabier Bruna manifestou que seguirán coa folga e coas protestas.

Estes días, nos que se suceden incendios forestais, constátase que se "recrúan" as condicións de traballo dos membros do dispositivo de extinción, integrado por case 6.000 persoas en Galicia, ás que os técnicos de incendios coordinan, indicou.

Cando se dan situacións como esta, con varios lumes grandes activos e cun accidente cun falecido e un ferido, "hai que lembrar que hai un equipo humano detrás dos labores para parar esta secuela", destacou Bruna en declaracións a Europa  Press.

Ademais, pediu retomar o contacto coas persoas responsábeis de Medio Rural para buscar unha solución ao seu conflito. "Esperemos que a reticencia de non chamar sexa porque non está conformado aínda o Goberno", indicou, en alusión a que, tras as eleccións do 12 de xullo, o actual equipo da Xunta está en funcións.

En calquera caso, Bruna defendeu que o dispositivo de extinción de incendios "ten que funcionar con independencia de se o Goberno está constituído ou non". Desde a negociación dos servizos mínimos para a folga, que superan o 90% e garanten o funcionamento do servizo, non volveron a ter contacto coa Xunta, explicou.

Aumento do persoal

Xabier Bruna manifestou que levan 27 meses intentando atopar unha solución e que o que reclaman "entronca coas cuestións de seguridade" e cun aumento de persoal para facer fronte á carga de traballo que teñen mais estabelecer un operativo "máis profesionalizado".

Este persoal técnico, que son arredor de 120, encárgase de coordinar os medios de extinción e tamén de tarefas de xestión forestal, explicou. O 15% do territorio galego, ao redor dunhas 300.000 hectáreas, que son "algo menos" das que ocupa a provincia de Pontevedra, xestiónanse a través de contratos da Administración, que non é propietaria, pero administra os terreos.