Cualedro e Monterrei arden sobre queimado

Apicultores revisan as súas colmeas nunha área de Monterrei afectada polo incendio de Cualedro (Imaxe: Rosa Veiga E.P.)
Os primeiros grandes incendios do verán prenderon nos municipios de Monterrei e Cualedro, onde os dispositivos antiincendios traballan aínda na súa extinción. Nas pasadas décadas, os profesionais tiveron que apagar lumes de semellante ou maior envergadura nesta área, que pertence ao distrito forestal que máis sinistros rexistrou entre 2007 e 2018 na Galiza.

En outubro de 2011, un incendio orixinado na parroquia de Vence, no concello de Monterrei, arrasou máis de 1.000 hectáreas de terreo, calcinando viñedos ao seu paso. En agosto de 2013, dous lumes orixinados na parroquia de Vilela e na da Xironda, ambas no municipio de Cualedro, enguliron un total de 2.175 hectáreas de terreo, afectando ao veciño concello de Monterrei. A Xunta viuse obrigada a activar a situación 1 pola proximidade a núcleos urbanos. 

Nese mesmo mes, en 2015, outro voraz incendio orixinado na parroquia de Lucenza obrigou a activar a situación 2 e calcinou máis de 3.000 hectáreas, mordendo o territorio dos concellos de Xinzo de Limia e Baltar. Os cambios na dirección do vento e as altas temperaturas dificultaron a extinción e a veciñanza tivo que sumar esforzos, traballando sen descanso para defender os seus fogares.

Cinco anos despois, un novo grande incendio forestal esténdese polo concello de Cualedro.  O 29 de xullo, ás 16 horas, a Consellaría de Medio Rural informou dun lume na parroquia de San Millán, que se iniciara arredor das 14 horas. As primeiras estimacións cifraban o territorio afectado en 20 hectáreas, que ás 00 horas desa xornada ascenderon a 1.000

Ameaza para as casas

Poucas horas despois dos primeiros avisos do incendio, Medio Rural activou a situación 2 cando o seu avance ameazou as casas do núcleo de San Cristovo, no municipio limítrofe de Monterrei. Neste concello permanece activo, mais controlado, o segundo maior incendio do ano, afectando a 720 hectáreas.

A rápida evolución do incendio fixo necesaria a intervención da Unidade Militar de Emerxencias, que se sumou aos medios galegos e estatais que xa traballaban para evitar o seu avance. En Monterrei, a veciñanza tivo que ser desaloxada. En declaracións de onte, unha vez desactivada a situación 2, describiron a súa angustia tras verse rodeados "por todos lados polas lapas".

"Afogábamos, o fume era insoportábel, por iso decidimos marchar para Medeiros antes de que nos pediran desaloxar", explicou María Rosa González, veciña da localidade. Habitantes da zona volven falar de "intencionalidade", a mesma que sinalaron os rexedores de Cualedro e Monterrei. "Non hai ningún motivo para plantar lume ao monte e menos nunha zona na que se ve perigar as casas", salientaron.

Non comprendo os motivos que hai detrás, explica o integrante da BRIF de Laza Cristóbal Pedeiros

Cristóbal Pereiros, integrante da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) asentada en Laza tamén comparte o seu desconcerto con Nós Diario. "Non pode ser un incendio para producir pastos, porque na área na que comezou non hai nada, e tampouco hai madeira, non comprendo os motivos que hai detrás", explica. 
Na quinta feira, o terreo afectado polo incendio permanecía nas 1.000 hectáreas, segundo Medio Rural, que especificou a este medio que na área seguen a traballar un técnico, 18 axentes, 57 brigadas, 19 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 12 avións. 

Negro sobre negro

"Estes lumes son repetitivos, cada tres e catro anos arden esas zonas nos meses do verán, son incendios que xa apagamos anos atrás, coas mesmas hectáreas", sinala Cristóbal Pereiros, matizando que, pese a isto, "as políticas de prevención non mudaron. A diferenza é a altura no ano na que se produciron estes grandes incendios, máis habituais a finais do mes de agosto ou comezos do de setembro.

As condicións neste caso eran as idóneas. Semanas sen chuvia, vexetación seca procedente das chuvias nos meses do inverno, un vento cambiante que os propios profesionais da área xa teñen "localizado" e altas temperaturas. Os ingredientes necesarios para que un incendio sexa tan "virulento" coma este. 
Unha mistura que non é descoñecida nos municipios de Cualedro e Monterrei.

Entre 2001 e 2015, segundo recolle Civio, rexistráronse 793 incendios en Cualedro, cun total de 8.903 hectáreas queimadas, mentres que en Monterrei arderon 3.071 nun total de 685. O primeiro foi o 27º concello do Estado con máis sinistros, o segundo o 37º.

A maiores, ambos pertencen ao distrito forestal XIV Verín-Viana, no que entre 2007 e 2018 arderon 43.741,95 hectáreas de terreo en 5.017 incendios. Nese período produciuse un abandono de varias áreas en Monterrei e Cualedro que anteriormente aloxaban explotacións agrarias e gandeiras. O abandono favorece os lumes de rápida extensión como o prendido o 29 de xullo. "Desde que se botou todo a perder, no momento no que hai un incendio este arrasa con todo", di o membro da BRIF de Laza, salientando que o de Cualedro se estendeu nunhas poucas horas.

A auga non fai nada, evapórase antes de entrar en contacto, é moi difícil atacarlles, di Pereiros

A realidade, explica este traballador, é que os grandes lumes afástanse cada vez máis das capacidades de extinción dos dispositivos antiincendios. "A auga non fai nada, evapórase antes de entrar en contacto, é moi difícil atacarlles", agrega. Na cuarta feira, un dos integrantes da BRIF sufriu un golpe de calor polas elevadas temperaturas e tivo que ser evacuado.

A cabeza destes incendios é a súa parte máis problemática e non en poucas ocasións, coma esta, chega a cruzar a fronteira con Portugal. A estratexia, na maior parte das ocasións, pasa por aplicar lume técnico e atallar os flancos agardando a que a intensidade se reduza. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 31, nos quiosques ou na nube]