A comunidade peruana na Galiza, pendente das novidades, lembra aos seus compatriotas desaparecidos

Dúas familiares dun dos mariñeiros peruanos desaparecidos en Terranova, pendentes das novidades, esta cuarta feira (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
A meirande parte da tripulación de orixe peruana ten familia na Galiza. As autoridades aínda non confirmaron o achado de ningún dos mariñeiros do país andino.

A comunidade peruana na Galiza está en ascuas coas noticias que chegan desde o Canadá, onde esta terza feira desapareceu o pesqueiro 'Vila de Pitanxo' a 450 quilómetros da costa de Terranova con 24 tripulantes a bordo, dos cales unha decena son de orixe peruana ou proceden do Perú.

A maioría dos tripulantes peruanos están asentados en Vigo, onde a comunidade do país andino ten unha forte presenza na Galiza. Só un dos tripulantes que vivía en Vigo non ten familia en territorio galego, mais a comunidade peruana púxose en contacto coa súa nai no Perú.

De feito, o vindeiro domingo, 20 de febreiro, celebrarase unha misa en memoria da tripulación peruana do barco que terá lugar na igrexa Nosa Señora da Paz, en Vigo.

En declaracións á axencia Europa Press, o presidente da Asociación de Peruanos na Galiza, Pedro Guillermo Arana Rojas, mostrou a consternación de toda a comunidade peruana, que se mantén en contacto coas autoridades locais.

Tamén está en contacto co consulado en Barcelona, do que dixo que "puxo a camiseta do Perú" para traballar neste caso, pendentes tamén da posíbel "repatriación" do cidadán que non ten familia na Galiza, malia que aínda non hai confirmación de que o seu corpo fose atopado.

A tripulación peruana é nova, a maioría de entre 20 e 30 anos ou 30 e poucos anos, e entre eles, explicou, estaban embarcados un tío e o seu sobriño, afincado en Vigo. Alén dos residentes na cidade olívica, tamén hai cidadáns afincados na comarca do Morrazo. No operativo de busca rescatáronse tres persoas e outros dez corpos foron recuperados, de entre os cales, segundo as fontes familiares conxultadas, habería varios cidadáns peruanos.

Pedro Arana lembrou que 50% dos cidadáns peruanos na Galiza chegan para traballar no sector do mar. Neste senso, segundo os datos da Seguridade Social, a decembro de 2021, só en afiliacións de estranxeiros contabilizáronse 92 cidadáns de orixe peruana anotados no sector do mar.