O terceiro sobrevivente do naufraxio é un mozo natural de Ghana

Lugar onde naufragou o 'Vila de Pitanxo', esta cuarta feira, mentres proseguen os labores de rescate (Foto: JRCC Halifax).
Aliás, o alcalde de Lepe (Huelva) confirma que un dos desaparecidos é un veciño deste municipio de 55 anos que estaba "a un mes de xubilarse".

O terceiro sobrevivente do naufraxio do 'Vila de Pitanxo' é un mozo natural de Ghana, residente en Marín, que xunto cos outros dous tripulantes foi rescatado polo 'Praia Menduíña 2'. Distintas fontes consultadas pola axencia Europa Press ratificaron que se trata de Samuel Kwesi, un mozo que vive na vila mariñeira e cuxa familia, segundo recollen varias fontes locais, reside no país africano.

Os outros dous sobreviventes do naufraxio ocorrido a uns 450 quilómetros fronte á illa de Terranova (Canadá), son o patrón, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial. A tripulación, tal e como precisaron a Nós Diario fontes de Salvamento Marítimo, estaba composta por 24 persoas: 16 con DNI español, cinco peruanos e tres ganeses.

Un mariñeiro a piques de xubilarse, entre os desaparecidos

Pola súa parte, o alcalde de Lepe (Huelva), Juan Manuel González, sinalou esta cuarta feira que un dos mariñeiros desaparecidos da tripulación do 'Vila de Pitanxo' era veciño do municipio. En declaracións a Canal Sur Radio, o rexedor detallou que se trata dun home de 55 anos, patrón de pesca, que, segundo explicou o primeiro edil, "estaba a 23 días de regresar, alá polo mes de marzo, e estaba a un mes de xubilarse".

Un profesional que o propio alcalde definiu como "un home do mar de toda a vida, moi afeito a estas longas travesías". "Á primeira hora contactamos cos familiares e coas administracións para coñecer a última hora e trasladáronnos que este veciño está entre os desaparecidos, polo que aínda hai un fío de esperanza, aínda que, segundo me comentan, as augas desa zona son moi complicadas", explicou González.

O rexedor sinalou que descoñecía que este veciño de Lepe se atopaba na zona, e que foi contra as 15 horas desta terza feira cando "comunicaron que había un mariñeiro de Lepe, polo que estivemos investigando e chegamos até o presidente da Xunta, até que nos confirmaron a noticia".

Continúa a busca do resto da tripulación

Segundo veñen de confirmar fontes da Central de Salvamento Marítimo a Nós Diario, están despregados na zona un avión, dous helicópteros, unha fragata, un buque con bandeira canadense —Nexus—, dous pesqueiros portugueses —'Novo Virgem da Barca' e 'Franca Morte'— e un galego —'Praia Menduíña 2'—.

As baixas temperaturas condicionan os labores de busca dos once mariñeiros que aínda seguen desaparecidos. Hoxe o Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura.