Familiares dos sobreviventes: "Moitos mariñeiros non estiveran embarcados antes e o mar é moi duro"

Á esquerda, o buque 'Vila de Pitanxo'; á dereita, Sara Prieto, parella dun dos tripulantes rescatados con vida (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Sara Prieto, parella dun dos tripulantes rescatados con vida, Eduardo Rial, lamenta que a armadora non lle comunicase nada a respecto do naufraxio, do que tivo constancia polos medios de comunicación. Entre as persoas desaparecidas está Edemon Okutu, irmán do atleta marinense Jean Marie Okutu.

A parella de Eduardo Rial, un dos tres tripulantes do pesqueiro 'Vila de Pitanxo' rescatados con vida tras o naufraxio do buque fronte ás costas de Terranova, no Canadá, explicou que o seu mozo lle enviara unha mensaxe de WhatsApp antes de comezar a xornada de traballo na que lle comentou que facía "moi mal tempo".

En declaracións á axencia Europa Press, Sara Prieto, veciña de Donón (Cangas), trasladou o seu "alivio" tras coñecer que Eduardo é un dos sobreviventes da traxedia. Este mariñeiro foi rescatado con vida, do mesmo modo que o seu tío, o patrón do barco, Juan Padín, así como un terceiro compañeiro cuxa identidade aínda non foi revelada.

"Nós decatámonos por un coñecido e polos medios de comunicación. A armadora [Grupo Nores] non nos avisou", lamentou Sara, que alén do alivio tamén mostrou a súa "pena e preocupación" pola sorte dos sete mariñeiros falecidos e dos 14 que permanecen desaparecidos.

Segundo afirmou, o propio patrón do 'Vila de Pitanxo' contactou coa súa familia contra as 14 horas desta terza feira para confirmar, nunha comunicación "moi breve", que tanto el como o seu sobriño estaban "ben". "Cando conseguimos falar coa armadora só nos dixeron que se atoparan tres dos tripulantes", afirmou.

Sara Prieto explicou que a súa parella levaba cinco anos embarcada neste pesqueiro, "aínda que tiña moitos anos de experiencia", e apuntou que varios tripulantes, arredor dunha decena, "saían no 'Vila de Pitanxo' por vez primeira". "Non sei se xa estiveran embarcados antes, mais semella que non tiñan moita expriencia e o mar é moi duro", declarou.

Prosegue a busca de once desaparecidos

Até o momento as autoridades só confirmaron o rescate de tres tripulantes —o patrón, o seu sobriño e máis un terceiro aínda sen identificar— e o falecemento doutros dez, mentres prosegue a busca dos once mariñeiros desaparecidos. Entre eles atópase Edemon Okutu, irmán maior do atleta marinense Jean Marie Okutu, cuxa familia apuntou esta terza feira que Edemon ten unha longa traxectoria no mar e máis no Grupo Nores e que é unha persoa "moi boa, sempre disposto a axudar".

Tamén Elisabeth, tía do mariñeiro de orixe peruana Jonathan Calderón, dicía ante os medios de comunicación: "Isto é unha traxedia, está o meu sobriño que ten dous fillos de 14 e 10 anos e non sabemos nada; só queda rezar".