A Xunta declara tres días de loito na Galiza pola traxedia do 'Vila de Pitanxo'

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
"É a maior traxedia do sector nos últimos 38 anos", di o ministro de Pesca, Luis Planas, mentres os servizos de salvamento proseguen a busca dos once mariñeiros desaparecidos a pesar das condicións climatolóxicas adversas. Desde JRCC-Halifax afirman ter aínda a "esperanza" de atopar con vida o resto da tripulación.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, vén de comparecer en rolda de prensa após o Consello de Goberno extraordinario que decorreu esta cuarta feira con motivo do naufraxio en Terranova do buque marinense 'Vila de Pitanxo'.

"A Galiza é unha gran familia, e cando unha familia é golpeada por un acontecemento tráxico, únese na dor para atopar un consolo que non sempre é doado", dixo, dando lectura á declaración institucional aprobada polo Executivo.

Núñez Feixoo salientou que este é un país "marcado por sucesos tráxicos relacionados co mar", xa que "somos a primeira potencia pesqueira da Unión Europea e os nosos riscos son moi superiores". Afirmou que o traballo no mar é "moi duro e perigoso, e moitas veces cruel", malia que "ninguén está preparado" para recibir esta noticia, que "sobrecolleu toda a Galiza e, en especial, O Morrazo".

Neste contexto, apuntou que a "obriga" da Xunta é "facerse portavoz de todos os galegos e galegas" e púxose á "enteira disposición" das familias.

O Goberno galego decretou tres días de loito oficial no país por mor deste suceso, coa fin de "lembrar e render tributo a quen perderon a vida no mar". E contra as 11 horas gardouse un minuto de silencio de forma simultánea en varios municipios da Galiza, alén de no Congreso, en Madrid.

Tamén compareceu ante os medios esta cuarta feira o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, que marcou como prioridade "acompañar e trasladar a información contrastada ás familias". "É un día moi triste para a Galiza e para o Estado español", apostilou.

Aliás, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, engadiu: "Quero trasladar todo o apoio ás persoas que están atravesando esta situación tan dura, todos e todas estamos consternadas e quero transmitirlles todo o cariño, apoio e solidariedade ás familias". Esta, dixo, é "unha xornada moi triste na que se nos encolle o corazón pensando na dor das familias e deben saber que toda Galiza está con elas".

Lazos negros nas confrarías

A Confederación Galega de Confrarías mostrou a súa "tristura" polo naufraxio do pesqueiro galego, e anunciou que as bandeiras da entidade permanecerán "abrazadas cun lazo negro en memoria dos mariñeiros". "Hoxe temos o corazón engurrado polos compañeiros do 'Vila de Pitanxo'", sinalou.

A "maior traxedia" en 38 anos

Pola súa parte, o ministro de Pesca, Luis Planas, mostrou a súa "solidariedade e cariño" cos familiares e amigos das vítimas dun naufraxio que cualificou como "a maior traxedia do sector nos últimos 38 anos".

"O acontecido onte [pola terza feira] no Canadá sinálanos até que punto é unha actividade de extremo risco, polo que hai que significar o papel dos pescadores españois", defendeu o ministro.

Forte temporal en Terranova

Así as cousas, o portavoz do Centro de Coordinación de Rescate (JRCC) de Halifax, Brian Owens, explicou esta cuarta feira que as condicións climáticas son "desafiantes" na zona onde ocorreu o naufraxio.

O barco, asegurou, "aínda non foi atopado", mais si se acharon na zona restos da embarcación. "A busca continúa e temos a esperanza de atopar o resto da tripulación", dixo.