Prosegue a busca dos once mariñeiros desaparecidos, marcada polas condicións adversas en Terranova

Un dos helicópteros de rescate que proseguen a busca dos mariñeiros desaparecidos (Foto: JRCC Halifax).
Fontes de Salvamento Marítimo confirman a 'Nós Diario' que tanto os tres tripulantes rescatados coma os dez cadáveres achados fican a bordo dos barcos que proseguen a busca doutras once persoas desaparecidas. Aliás, o Congreso garda un minuto de silencio en lembranza das vítimas.

O Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC Halifax) do Canadá coordina os labores de busca que aínda proseguen na zona do caladoiro pesqueiro de Terranova na que naufragou esta terza feira o 'Vila de Pitanxo'. Até o de agora foron atopados tres tripulantes con vida e dez falecidos, mentres os servizos de salvamento seguen á procura das outras dez persoas desaparecidas.

Segundo veñen de confirmar fontes da Central de Salvamento Marítimo a Nós Diario, están despregados na zona un avión, dous helicópteros, unha fragata, un buque con bandeira canadense —Nexus—, dous pesqueiros portugueses —'Novo Virgem da Barca' e 'Franca Morte'— e un galego —'Praia Menduíña 2'—.

A pesar dalgunhas informacións xurdidas nas últimas horas en determinados medios de comunicación, Salvamento desmente a este xornal que os corpos achados sen vida fosen trasladados a terra, xa que os buques "están moi afastados, a 450 quilómetros da costa do Canadá e a máis de 3.000 da Galiza".

A bordo do 'Praia Menduíña 2', aliás, están os tres mariñeiros rescatados, ao igual que seis dos dez corpos atopados até o momento. Os outros catro repousan no 'Nexus' —dous—, o 'Novo Virgem da Barca' —un— e o 'Franca Morte' —un—, á espera de recibir novas ordes das autoridades.

As baixas temperaturas condicionan os labores de busca. Hoxe o Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura.

Entre os sobreviventes atópanse o patrón do barco, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, que puideron comunicarse co Concello de Cangas e máis as súas familias brevemente após o rescate. Eles, xunto a un terceiro tripulante cuxa identidade aínda non foi revelada, foron atopados con sinais de hipotermia nunha balsa na que tamén había cadáveres. Outras dúas acháronse baleiras e unha cuarta continúa en paradeiro descoñecido.

Minuto de silencio no Congreso

Por outra parte, esta cuarta feira o pleno do Congreso principiou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas desta traxedia. "O Congreso quere unirse ao pesar dos familiares e amigos dos falecidos e mostrar o seu apoio e alento aos achegados dos desaparecidos en tan tráxico accidente", dixo a presidenta da Cámara, Meritxell Batet.

Reunión coa armadora

Esta cuarta feira desprázanse a Marín o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e máis o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñones, para reunirse co presidente da Autoridade Portuaria, Benito Suárez, e os alcaldes da zona, así como representantes da armadora, o Grupo Nores.