Queres coñecer as restricións activas nos diferentes territorios do Estado?

Xente de paseo pola vila de Sanxenxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
A escasas semanas de que remate este condicionante, cada Administración toma posicións. Mentres na Galiza hai catro concellos sobre os que pesa o fechamento perimetral, ao igual que non se pode saír do país, outras zonas flexibilizan as súas prohibicións como medida de desescalada. No entanto, hai lugares nos que non consideran axeitado que se levante a orde estatal, como é o caso de Euskadi.

A principios de maio finalizará o estado de alarma que decretara o Goberno do Estado español de Pedro Sánchez e ante ese inminente cambio na realidade actual, na que aínda perdura a pandemia da Covid-19, as distintas administracións territoriais van amosando cales van ser as súas políticas de restricións.

Por exemplo, mentres países como Galiza manteñen o seu fechamento perimetral e outros como Euskadi demanda que se prolongue o estado de alarma, Catalunya ten programado levantar o confinamento comarcal.

Baleares eliminará os núcleos de convivencia e Madrid continúa coa súa estratexia de flexibilidade. Queres saber polo miúdo como está agora cada territorio?

Andalucía

Polo momento sigue fechada perimetralmente no seu conxunto e tampouco se permiten os desprazamentos entre provincias. Aliás, hai confinamento naqueles concellos que teñen unha incidencia acumulada de 500 casos activos do virus por cada 100.000 habitantes a 14 días.

O toque de recoller comeza ás 23 horas e remata ás 06 horas (idéntica franxa horaria que a adoptada na Galiza hai escasos días). Porén, os negocios de hostalaría teñen que parar a actividade ás 22.30 horas. No caso de que as localidades estean no nivel de alerta 3 a persiana baixará ás 20 horas.

Aragón

As autoridades aragonesas consideran que estes días aínda ten que primar o fechamento a outros territorios. Ademais, non están permitidos os movementos a ou desde Tarazona, Cuarte de Huerva, Fraga e a comarca da Litera polo risco epidemiolóxico. É obrigatorio estar na casa ás 23.00 horas malia que as e os hostaleiros deixan de servir ás 22 horas. 

Asturias

Mantense o confinamento de Llanes e Langreo e as fronteiras con zonas veciñas están controladas. A hostalaría fecha ás 23 horas as terrazas, pero no interior xa non sirve desde dúas horas antes.

Baleares

Recoméndase non viaxar entre illas e hai fechamento para visitantes. No entanto, este sábado xa non haberá prohibicións respecto a estar nos bares e restaurantes só con persoas coas que haxa convivencia.

A hostalaría vai por áreas: en Mallorca e Ibiza a actividade remata ás 17 horas, en Menorca para no interior ás 17 horas e no exterior ás 22 horas e en Formentera o mandato é 17 e 18 horas, respectivamente.

Canarias

As e os viaxeiros son ben recibidos sempre e cando se sometan a un control sanitario. Isto dáse a pesar de que hai confinamento en Tenerife e Gran Canaria. Iso implica que o interior dos estabelecementos de hostalaría non teñan uso e fóra só abran até as 22 horas.

No resto de illas hai dúas velocidades, pero só para as reunións. Nuns casos poden xuntarse dez persoas e noutro seis.

Cantabria

Igual que o resto do litoral cantábrico, fica fechada perimetralmente. Os bares e mesóns non atenden no interior e fóra teñen unha capacidade do 75%.

O toque de recoller comeza ás 22 horas, como sucedía na Galiza até hai uns días.

Castela e León

Malia a proximidade da fin do estado de alarma a Administración prefire manter o territorio limitado a saídas e entradas debidamente xustificadas. A principal peculiaridade é que o interior dos negocios das hostaleiras está inutilizado en 31 municipios.

Castela-A Mancha

Por agora non se levanta o feche no límite territorial pero o toque de recoller comeza na medianoite e os últimos locais abertos deben deixar de atender a clientela xusto unha hora antes.

Catalunya

O Goberno do país é un dos que xa decidiu que vai flexibilizar as restricións como previa ao levantamento do estado de alarma.

Na segunda feira finalizará o confinamento comarcal. O toque de recoller é previo ao galego, sendo as 22 horas o momento marcado polas autoridades para estar na casa. As cafeterías traballan de 07.30 a 17 horas.

Comunidade Valenciana

O seu presidente, Ximo Puig, ten previsto comunicar novidades esta mesma tarde pero todo apunta a que haberá menos limitacións, polo menos no sector da hostalaría. A permanencia nos fogares está marcada desde as 22 ás 06 horas.

Euskadi

Neste caso, dada a elevada incidencia do coronavirus os mandatarios seguen agardando que a equipa de Pedro Sánchez reflexione e manteña a normativa xeral.

En consecuencia, o fechamento perimetral segue a ser unha realidade e hai varios concellos cunha incidencia superior aos 400 contaxiados que quedan coa mobilidade restrinxida.

Os tempos da hostalaría varían pero, en calquera dos casos, a despedida até o día seguinte fixouse ás 20 horas.

Estremadura

A decisión é manter o fechamento perimetral polo menos até que finalice o estado de alarma. O toque de recoller é idéntico ao galego.

Galiza

Na terra, a Xunta mantén fechadas as fronteiras, o que non está exento de problemas en puntos de moita actividade económica como 'a raia'.

No que respecta aos límites de mobilidade municipal, estes funcionan no Grove, Cualedro, Carballeda de Valdeorras e A Pobra do Caramiñal.

Esta semana anunciouse a inminente incorporación de distintas localidades aos niveis de risco alto e medio, se ben a maioría das vilas continúan no chanzo baixo.

Neste último caso, sen limitacións especiais, hai que estar na casa ás 23.00 horas e os bares abren até as 21 horas. A actividade amplíase dúas horas máis nos estabelecementos con licencia de restaurante previa cita.

A Rioxa

Até cinco concellos están confinados debido aos efectos da pandemia: Calahorra, Nájera, Alfaro, Pradejón e Cervera del Río Alhama.

As capacidades na hostalaría quedaron fixadas ao 30% nos interiores e ao 75% no exterior.

Comunidade de Madrid

Como xa viña sendo habitual no decorrer da crise sanitaria, a zona non está confinada para a chegada e saída de ninguén. O único é que se marcaron límites nalgunhas Zonas Básicas de Saúde. A recollida é ás 23 horas, ao igual que o feche das cafeterías.

Murcia

Quer Murcia en global, quer Puerto Lumbreras teñen fechamento perimetral. Nas terrazas poden compartir mesa até seis persoas e non debe haber ninguén na rúa sen xustificación a partir das 23 horas.

Navarra

Ao feche do territorio hai que sumar os de Arguedas, Cadreita, Lodosa, Etzarri Arantz, Villafranca, Arbizu y Milagro.

As limitacións horarias aseméllanse ás marcadas pola Xunta e o interior dos bares non está habilitado para o consumo para controlar os contaxios.

Ceuta e Melilla

Ambas cidades autónomas fican co fechamento. O toque de recoller é de 22 a 06 horas.