O Colexio de Xornalistas condena “as trabas policiais” á cobertura da manifestación polo Escárnio e Maldizer

Imaxe: GZ Contrainfo

Impedimentos para realizar o labor, agresións con porras por parte de antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza denuncia os impedimentos ao labor dos informadores por parte dos corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación do pasado sábado en Compostela contra do desaloxo do Escárnio e Maldizer.

 

 “O Colexio de Xornalistas tivo coñecemento de numerosas trabas á información”, sinala nun comunicado. “Se ben ao longo da marcha os e as xornalistas puideron realizar con normalidade o seu traballo, no momento no que os corpos de seguridade entraron a desaloxar as persoas que ocuparan o patio do antigo Colexio Peleteiro obrigouse a todos os profesionais da comunicación a situárense tras do cordón policial, nunha posición na que dificilmente podían informar sobre uns feitos que se estaban a producir a case cen metros de distancia e nun espazo non visíbel desde o punto no que se encontraban”.

 

Denuncia

 

O Colexio dá conta tamén dunha denuncia presentada por unha xornalista colexiada. “A reclamación de identificacións aos profesionais da información era continua, mesmo por parte de presuntos axentes que vestían de paisano e que non presentaban ningún tipo de credencia”l. Chegouse ao punto, indican, que un destes “supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse”, tentou arrebatarlle a cámara á xornalista denunciante, “ela si correctamente acreditada”. O Colexio considera que estes feitos constitúen unha “clara tentativa de coartar o dereito fundamental á liberdade de información”.

 

Ademais destes feitos, engade o Colexio de Xornalistas, tamén tiveron novas de actuacións contra o labor dos xornalistas que cubrían a manifestacións, “como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico”.

 

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas informa que xa trasladou ás autoridades o seu malestar e preocupación por estes feitos ao tempo que pide consensuar “un protocolo de actuacións que permita que o traballo dos e das comunicadoras se realice con total garantía e liberdade durante calquera tipo de dispositivo policial”.