Cargas policiais e dous detidos na manifestación polo desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer

A Policía, na contorna do vello Manuel Peleteiro

As persoas manifestantes, máis de medio milleiro, non puideron acceder ao casco vello polo forte dispositivo policial. Tras ocupar de forma simbólica o antigo Peleteiro, 114 persoas foron identificadas polas unidades da Policía Nacional, que utilizou gases e pelotas de goma para dispersar as persoas concentradas.

A manifestación convocada polo CSOA Escárnio e Maldizer como protesto polo despexo da antiga sede da agrupación de canto e baile Cantigas e Agarimo, na Algalia de Arriba, reuniu máis de medio milleiro de persoas que non puideron acceder desde a Alameda cara a zona vella de Compostela por mor do forte despregamento policial. O protesto rematou con fortes cargas policiais e, cando menos, con dúas persoas detidas e 114 persoas identificadas, 19 delas en comisaría, segundo fontes da Delegación do Goberno e do Sindicato Unificado de Policía consultadas por Europa Press. 

O delegado en Galiza, Santiago Villanueva, levaba días insistindo en que o colectivo non solicitara autorización. Porén, finalmente permitíuselles encetar a marcha pola rúa da Senra, custodiados por un dispositivo policial que sumou até 200 axentes antidisturbios repartidos pola cidade.

"Saímos da Alameda, unha manifestación moi numerosa, moi animada. Foi cando chegamos ás portas do antigo colexio Manuel Peleteiro, que moitos anos foi tamén comisaría. Alí unha trintena de persoas entramos para facer unha ocupación simbólica. Entón a Policía empezou a acurruncharnos, comezou a dispersar a golpes á xente que estaba sentada fóra",  relata unha testemuña presencial a Sermos Galiza

[Vídeo @iriamendezgz]


Unha vez acordoada a entrada da antiga escola compostelá, as unidades policiais accederon o recinto. "Lanzaron gases e pelotas de goma, entraron á forza batendo na xente. Foron sacando e identificando un a un, incluso lles sacaron unha foto". 

A protesta trasladouse os arredores da comisaría da capital galega. Centos de manifestantes, aos que se sumaron veciños e veciñas, reclamaron a liberdade das persoas retidas até entrada a madrugada. As dúas persoas detidas quedaron en liberdade con cargos, segundo fontes da Delegación.

 

Unha actuación que desde Galiza Nova foi cualificada como  "un novo caso de brutalidade policial na cidade de Compostela". A organización xuvenil do BNG denunciou "o emprego partidista que está a facer o Partido Popular da violencia querendo crear un ficticio estado de excepción e criminalizando o pobo que se solidariza co acontecido".

Xa o pasado 30 de maio, horas despois de producirse o desaloxo e tapiado do CSOA Escarnio e Maldizer, Antidisturbios da Policía Nacional cargaron contra os manifestantes.

[Actualizada o 11 de xuño ás 14:30 horas]