Desaloxan e tapian o CSO Escárnio e Maldizer, 3 anos de autoxestión na zona vella compostelá
Policía cargou e retivo dúas persoas. Hai convocada unha concentración ás 20:00 horas desta terza feira na Praza 8 de Marzo. O Concello decretou a paralización do tapiado con bloques por se tratar dun inmoble protexido no casco histórico da capital galega. Compostela Aberta e BNG, críticos coa actuación policial.
En 2011 a agrupación de baile Cantigas e Agarimos abandonaba o local que usaba desde había anos na Rúa de Algalia, en pleno corazón de Compostela, para marchar cara o barrio do Castiñeiriño. Ficaba así sen vida un enorme caserón na zona vella da capital galega até que a comezos de 2014 foi ocupado, dando lugar así ao CSOA Escárnio e Maldizer, que ao longo destes tres anos foi epicentro de non poucas actividades e iniciativas, sempre desde a marxe e desde abaixo, en Compostela. “O espaço foi ocupado pondo em causa a propriedade privada e a gestom miserável e ruinosa levada a cabo polo Capital, dando pé a gente que tivera algumha iniciativa sem passar pola mediaçom do dinheiro e o lucro pessoal, tecendo laços de solidariedade e cumplicidade”, indican na súa web.
Aos poucos, máis xente foi achegándose até a zona. Ás once da mañá o número de persoas concentradas na Rúa de Casas Reais - próxima á Algalia- camiñaba cara o cento. Mentres, un grupo de operarios procedían a tapiar con bloques os accesos ao caserón que acollía o centro social ocupado. “Un desaloxo, outra ocupación” foi unha das palabras de orde dos concentrados.
Segundo outra das testemuñas a Sermos Galiza, antes de proceder a tapiar os accesos non se procedeu a sacar do interior o diverso material (unha biblioteca de libros, mobiliario...) que había no centro.
Nun comunicado, Compostela Aberta, organización que goberna no concello da capital de Galiza, rexeita o desaloxo por entender que "non é o xeito adecuado de proceder por parte das institucións públicas", indicando que o CSOA "non presenta ningún problema nin de convivencia nin de seguridade. Ben ao contrario". Ademais, O Concello decretou a paralización do tapiado no local desaloxado por tratarse dun inmoble protexido no casco histórico.
De por parte, o BNG de Compostela consideran "desproporcionada" a actuación das forzas de seguridade. Reclaman, ademais, o uso público do local de Cantigas e Agarimos que, dende 2011, quedara sen utilizarse "pese á necesidade dun espazo para organizar actividades socioculturais nesta área".
Para as 20:00 hai convocada unha concentración de solidariedade para co CSOA Escarnio e Maldizer. Será na Praza 8 de Marzo.