O SUP pide que se condecore os policías das cargas na manifestación solidaria co CSOA Escárnio

Imaxe: @CausaGaliza

O sindicato policial destaca o “excelente traballo” dos axentes a pasada terza feira en Compostela.

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) solicita que se condecore os axentes que a pasada terza feira formaron parte do dispositivo policial despregado en Compostela por unha manifestación contraria ao desaloxo do CSAO Escárnio e Maldizer. Os antidisturbios protagonizaron diversas cargas policiais contra os manifestantes, que denunciaron a intervención desproporcionada da Policía, críticas que partillaron formacións como Compostela Aberta ou BNG.

Para o SUP, porén, os axentes realizaron un “excelente traballo” e, indican nun comunicado, embora contar con “reducidos efectivos” foron quen de facer fronte a tácticas, afirman, “de guerrilla urbana” por parte dun grupo de manifestantes. Esta organización tamén anuncia que se vai personar como acusación particular e afirma que houbo 6 axentes feridos.

A petición xa foi trasladada a Delegación do Goberno, ao xefe superior de Policía e a Comisaría Local de Santiago.

Nova mobilización

A través das redes sociais estase a informar dunha nova mobilización en apoio ao CSOA Escárnio e Maldizer. Será o sábado, 10 de xuño, a partir das 21:00 horas na Alameda de Compostela, baixo o lema ‘Bloco a bloco desfam-se os muros. Se nos tiram espaços, multiplicamos solidariedade’