O Colexio de Psicoloxía únese ás críticas ao bono da Xunta

Unha medida "electoralista" e "indignante"

O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza uniuse ás críticas ao bono de 250 euros da Xunta para sanitarios, que cualificou de "desatino" e de medida "de cariz electoralista".

Nun comunicado, o colexio afirmou que "é indignante tentar compensar deste modo o labor que realizaron e continúan a realizar os traballadores e traballadoras da sanidade pública e dos servizos sociosanitarios durante a crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19.

"Nestes meses -destacou o órgano de representación das psicólogas e psicólogos da Galiza- desenvolveron as súas obrigas en circunstancias moi precarias, por tanto a defensa da sanidade pública pasa polo compromiso co seu persoal, con contratos estábeis, prazas suficientes e recursos para desenvolver o seu labor con todas as garantías".

A organización afirmou concordar coa necesidade de adoptar medidas que reactiven a hostalaría e o turismo, pero este bono resúltalle "frívolo" e mesmo "humillante" para os e as profesionais da sanidade.

Sanidade bota balóns fóra e culpa a Turismo

Ante a vaga de críticas por parte dos colexios profesionais de Enfermaría e Traballo Social, así como do Consello Galego de Colexios Médicos -aos que agora se une o Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza-, a Consellaría de Sanidade bota balóns fóra e di que o ofrecemento de 20.000 bonos de 250 euros para o seu uso en hostalaría e restauración por parte do persoal da sanidade e dos servizos sociais foi ideado pola Consellaría de Cultura e Turismo, e non polo departamento dirixido por Vázquez Almuíña.