Os colexios de Enfermaría da Galiza tamén ven "desacertado e inaceptábel" o bono de 250 euros da Xunta

persoal sanitario (Europa Press)

Consideran que é unha iniciativa “electoralista”.

Os Colexios Oficiais de Enfermaría da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, consideran "desacertado e inaceptábel" o bono de 250 euros da Xunta para o persoal que estivo en primeira liña contra o coronavirus COVID-19, que cren unha "iniciativa populista e electoralista".

A través dun comunicado de prensa conxunto, estas entidades colexiais mostraron o seu "malestar" ante a medida anunciada o pasado venres polo presidente da Xunta, Núñez Feixoo, consistente nun bono de 250 euros co que se "premiará" aos 20.000 sanitarios e sanitarias, traballadorese  traballadoras sociais que estiveron na primeira liña de loita contra a pandemia do SARS-CoV-2.

"Durante a emerxencia sanitaria, o compromiso e esforzo das enfermeiras e enfermeiros foi excepcional. A tensión engadida ao labor habitual non foi provocado polo traballo en si. As condicións en que se desenvolveu, a falta de material de protección e a ausencia de protocolos o provocaron", indicaron as entidades colexiais.

"A Enfermaría galega sufriu por cada enfermo e as súas familias, polos compañeiros contaxiados -máis de mil na Galiza- e, desgraciadamente, polos falecidos, sempre actuando con total profesionalidade. Asumíronse, porque era necesario, mobilizacións de persoal entre servizos, traballar con cadros reducidos, o aumento da carga de traballo, tanto en centros públicos como privados", sinalaron os colexios de Enfermaría da Galiza.

Desta forma, reivindicaron "o esforzo de todos os profesionais que traballaron en Urxencias, Atención Primaria, hospitais e centros sociosanitarios foi extraordinario, e así foi recoñecido pola sociedade". "Os colexios de Enfermaría rexeitamos esta iniciativa populista e electoralista. Somos profesionais da saúde que defendemos o sistema sanitario público e universal sen intereses materialistas, e seguiremos traballando pola saúde en beneficio do cidadán", destacaron.

Ademais, advirten de que "todas as deficiencias do sistema, patentes durante a crise sanitaria, non serán esquecidas por recibir este premio". Respecto diso, o catro colexios son "conscientes das necesarias medidas que reactiven ao comercio e ao turismo", pero consideran que esta medida partidista "non é a forma de facelo".

"Moi ao contrario, son os problemas urxentes os que se deben de afrontar mediante un incremento no investimento sanitario, atendendo fundamentalmente a mellorar a precariedade laboral ou o alto grao de eventualidade entre outras históricas reivindicacións que non se poden esconder detrás dun bono", manifestaron.

Así, "mellorar os contratos, reducir o número de eventuais e dignificar os seus salarios, reforzar o persoal en Atención Primaria e centros sociosanitarios, facer provisión de EPIs e outros materiais, substituír ao persoal en permisos e licenzas, que non se reduzan cadros, sería o mellor premio ás enfermeiras", aseguran, pero "tamén ao conxunto da cidadanía, pois redundan en beneficio da sociedade".

Enfermeiras en residencias

No tres meses de estado de alarma "púxose de manifesto a falta de enfermeiras en residencias", incidiron as entidades colexiais. "Os centros de maiores, onde a carga asistencial é alta, con poboación envellecida e necesitada de coidados expertos, deberían de establecerse quendas de enfermeiras/vos de 12 horas presenciais e outras 12 localizadas", engadiron.

"Lugares como as mini residencias, terían que contar con profesionais de enfermaría 24 horas ao día de forma presencial", destacaron os colexios de Enfermaría de Galicia.

"Outra histórica reivindicación, esencial para a volta aos colexios o próximo mes de setembro, é a figura da enfermeira escolar que, como sinalan os colexios de Enfermaría, achégalle tranquilidade, tanto ás familias dos menores, como aos docentes, xa que, non só pode participar na formación e prevención en materia sanitaria dos nenos, senón que, pode achegar coidados expertos aos estudantes que o necesiten, ben porque padezan algún tipo de enfermidade, ou ben porque sufrisen algún tipo de accidente no centro", conclúen.

Por todo iso, indican que "a precariedade laboral, a alta eventualidade e as reivindicacións dos sanitarios, non se poden ocultar detrás dun bono" porque "moitas enfermeiras e enfrmeiros e matronas buscan traballo noutras comunidades autónomas ou o estranxeiro, e iso non vai deixar de ocorrer porque a Xunta convide a ir de vacacións", sentencian.