A sanidade volve a rúa tras loitar contra a COVID-19 e pide estabilidade fronte aos bonos de Feixoo

Test coronavirus (Imaxe: Europa Press).
As profesionais da sanidade pública afrontan a posibilidade de rebrotes de coronavirus logo duns intensos meses de traballo e nunha época na que, coas fronteiras de novo abertas, a poboación aumentará previsibelmente coa chegada de turistas.

Mentres a sanidade pública galega continúa co seu propio plan de desconfinamento e o seu persoal anuncia novas mobilizacións, Galiza rexistrou un rebrote da COVID-19 na comarca do Barbanza. Na xornada de onte, o foco detectado o pasado sábado permanecía estábel con nove persoas contaxiadas.

Tras a activación do protocolo de rastrexo de contactos, 74 persoas foron testadas polo Sergas. Delas, oito permanecen á agarda do resultado mentres as restantes deron negativo. No mesmo día, o comité clínico de expertos sanitarios reuniuse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para actualizar dito plan de control e vixilancia dos brotes.

As case cen persoas contactadas deberán manterse en corentena e baixo a supervisión do Sergas caso de amosaren síntomas da enfermidade. Na última semana rexistráronse quince persoas enfermas con coronavirus, entre as que figuran as nove da comarca do Barbanza, manténdose en 343 casos activos da COVID-19 na Galiza, dos cales catro foron hospitalizados. 

Facer fronte aos rebrotes

Especialistas do Servizo Galego de Saúde xa advertiran ao Goberno galego da posibilidade de novos abrochos de coronavirus a raíz do aumento da mobilidade, identificando a súa maior probabilidade a mediados do mes de xullo. Esta mesma semana, logo da fin do estado de alarma, a Xunta anunciou a posta a disposición das visitantes dun número de teléfono para que poidan solicitar unha cita caso de presentaren síntomas compatíbeis coa enfermidade.

Paralelamente, os centros de saúde comezaron a retomar as actividades grupais e mais as intervencións dentais cualificadas de "alto risco" nas pacientes de menos de 70 anos. A súa vez, os hospitais veñen recuperando desde o 19 de xuño as cirurxías menores non oncolóxicas logo de reiniciaren as consultas externas e outras intervencións.

Nesta cuarta fase do plan de reactivación asistencial do Sergas consérvanse as medidas de seguridade de etapas anteriores: o maior protagonismo da atención telefónica, unha xestión das citas que evite os amoreamentos ou a "axilización das altas". A maiores, manteranse circuítos específicos para doentes coa COVID-19 e posíbeis rebrotes.

Profesionais de hospitais e centros de saúde enfrontan os posíbeis rebrotes de coronavirus co cansazo acumulado os pasados meses e nun período no que a poboación aumenta coa chegada de visitantes mentres o persoal diminúe polas vacacións. Neste contexto,  CIG, CCOO, UXT e Sindicato de Enfermaría (Satse) advirten da necesidade de contar con novos reforzos.

É preciso reforzar os cadros de persoal, advirte María Xosé Abuín

"A sanidade pública non está preparada para afrontar a nova normalidade", valora Emilia Lamas, voceira de CCOO. "Os profesionais están dispostos e atenderán o que se presente, mais é preciso reforzar os cadros de persoal, como xa o era antes da COVID-19", engade María Xosé Abuín, de CIG-Saúde. Para Lamas, urxe destinar traballadores de reforzo aos centros de  saúde das áreas cun maior impacto turístico. "Hai que renovar todos os contratos asinados neste período nos mesmos e, a maiores, asinar novos", di.

Na xornada de onte, tamén Satse reclamou ao Sergas a través dun comunicado "un estudo pormenorizado das necesidades de recursos profesionais nos centros sanitarios da Galiza". "Non podemos atoparnos cun posíbel rebrote para vernos na mesma tesitura, exiximos que se presente un protocolo avanzado de previsión en caso de que isto suceda", advertiu a súa voceira na Galiza, Carmen García Rivas.

Non podemos atoparnos cun posíbel rebrote para vernos na mesma tesitura, advertiu Carmen García Rivas

Reforzar a sanidade

Coa chegada da nova normalidade, profesionais da sanidade retomaron unhas mobilizacións que xa se desenvolveran coa vista posta nas suspendidas eleccións do mes de abril. Paralelamente, a tres semanas da cita coas urnas, o Goberno galego anunciou o investimento de millóns de euros en infraestruturas sanitarias, concretamente na contratación da ampliación da área de Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago e mais a tramitación para axilizar as obras do plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Paralelamente, a Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo de Pontevedra foi clausurada para realizar obras en plena pandemia, mentres na Coruña a veciñanza organizouse para reclamar contra ampliación do complexo hospitalario universitario da cidade, adiado durante anos, e que suporá previsibelmente a expropiación de fogares.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir do sábado, día 20, nos quiosques ou na nube]