Colectivos das comarcas de Ordes e As Mariñas acusan a Xunta de "usurpar" información sobre os eólicos

Parque eólico de Greenalia galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
Acusan a Xunta de "saltar" a lei e de "tirar para adiante como pitos sen cabeza" na tramitación de parques eólicos, na cal "cada vez que dan un paso ou toman unha decisión, cheira máis e a bóla vai crecendo".

Representantes de colectivos e asociacións veciñais da comarca de Ordes e As Mariñas rexistraron no edificio administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela) unha petición formal para seren recibidos pola Xunta, á que acusan de "usurpar" información á cidadanía sobre a implantanción de proxectos eólicos.

Estas plataformas reclaman que o departamento de Industria cumpra coa súa obriga de dar trámite de audiencia de iniciativa propia en cumprimento do artigo 37.5 da Lei de Medio Ambiente.

Acusan a Xunta de "saltar" a lei e de "tirar para adiante como pitos sen cabeza" na tramitación de parques eólicos, na cal "cada vez que dan un paso ou toman unha decisión, cheira máis e a bóla vai crecendo".

“Atascaremos os xulgados”

Así, advertiron que "ao final" a xustiza "porá a cada quen no seu sitio". "Xa atascamos os rexistros coas alegacións [aos proxectos de parques] e agora atascaremos os xulgados coas denuncias se non paran esta barbarie", apostilaron os colectivos nun comunicado conxunto.

Eólica, así non

A plataforma Eólica, así non, composta por máis de 200 colectivos dos ámbitos ecoloxista, sindical, veciñal, cultural e social de todo o país organiza unha acción para este domingo días 23 de abril coa cal pretenden rodear a sede da Xunta da Galiza en San Caetano.

"Esta mobilización chama os galegos e galegas, as plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica", salientan.