Colectivos da Galiza e Asturias exixen a fin da "invasión eólica"

Protesta contra a industrialización do rural, hxoe en Taramundi. (Foto: Nós Diario)
O SLG leva a protesta ante a reunión de Rueda e Barbón.

Organizacións e colectivos galegos e asturianos levaron hoxe a cabo unha acción conxunta para visibilizar a oposición á industrialización do medio rural a través da imposición de macropolígonos industriais eólicos, tomando como marco o encontro bilateral entre os gobernos galego e asturiano que tivo lugar en Taramundi (Asturias).

Así o sinalou hoxe o Sindicato Labrego Galego (SLG), denunciando que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, acudisen ao encontro para "supostamente, abordar o reto demográfico e asentar as bases de colaboración na loita contra o despoboamento do rural". 

A responsábel na Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-Comisións Labregas (CCLL), Margarita Prieto, insistiu na "hipocrisía do PP e do PSdeG" sinalando que "non teñen diferenzas na súa vontade por privilexiar o lobbie de empresas privadas, moitas delas con estreitas ligazóns con cargos ou ex cargos políticos, que están acaparando o noso territorio, patrimonio e vidas para enriquecérense".

Prieto denunciou que ambas as formacións "están modificando a lexislación para acelerar estes proxectos que nos expulsan das contornas rurais que habitamos, para impedirnos alegar aos mesmos, para saltarse as declaracións de impacto ambiental ou para burlarse de nós aprobándoas en masa".

Segundo o SLG esta industrialización supón a "perda de saúde e de calidade de vida dos habitantes, destrúe patrimonio cultural e afecta a biodiversidade".

Ademais, engadiu que "un rural vivo o que precisa é servizos públicos" criticando que "Rueda e Barbón saben que o plan de concentración de fábricas de enerxía en territorios de sacrificio débese á estratexia comercial dunhas poucas empresas que acaparan este negocio".

Axudas aos concellos

Os alcaldes de San Xoán de Río e Pobra de Trives, ambos da comarca da Terra de Trives, reuníronse coa empresa Wind Hero, que proxecta un parque eólico nestes municipios, e pactaron axudas a veciñanza de saír adiante o proxecto.