Cobre San Rafael afirma que xa ten 79% dos terreos necesarios para o seu proxecto na mina de Touro
En total, o proxecto ocupará unha superficie dunhas 812 hectáreas.
Cobre San Rafael anunciou esta sexta feira que conta xa con 79% dos terreos necesarios para o seu proxecto de produción de cobre, avanzando nas xestións administrativas para a posta en marcha da súa iniciativa na mina de Touro-O Pino.
A través de acordos de compra cos veciños propietarios locais, a compañía fíxose con estes terreos, segundo informa. En total, o proxecto ocupará unha superficie dunhas 812 hectáreas, das cales 600 son terreos mineiros históricos.
Ademais, recentemente Cobre San Rafael, realizou unha publicación en prensa da listaxe da propiedade actual dos terreos nos que se vai a desenvolver o proxecto ou algunha das súas infraestruturas. "Ese requirimento legal de publicidade ten como obxectivo informar os propietarios das leiras e, en ningún caso, implica a expropiación das parcelas indicadas", subliñou a empresa nun comunicado.
"A boa marcha do proceso de adquisición dos terreos é o resultado de máis de sete anos de diálogo e negociacións con veciños. Durante este período, a compañía levou a cabo máis de 200 reunións informativas na comarca, co fin de garantir unha integración respectuosa e consensuada do proxecto na comunidade", destacou. Así, os acordos alcanzados inclúen opcións de compra ou alugueiro dos terreos.
A empresa insistiu en que a calidade e o potencial do xacemento están garantidos grazas aos máis de 100 quilómetros de sondaxes de exploración realizados, que confirman tanto o tamaño como a composición química do mineral.
Segundo recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG)do 22 de novemebro, a Consellaría de Economía e Industria "somete a información pública, durante un prazo de trinta (30) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do presente acordo, o proxecto Cobre San Rafael, declarado como proxecto industrial estratéxico (PIE)" tras o acordo do Consello do Goberno galego o pasado mes de xuño.
O Goberno galego acordou o pasado 24 de xuño a declaración do proxecto presentado por Cobre San Rafael como "proxecto industrial estratéxico", nun intento por axilizar o proxecto de reapertura da mina de Touro malia ser rexeitado inicialmente pola propia Xunta en xaneiro de 2020 porque non se garantía a "sustentabilidade ambiental".
Desta forma a Xunta atendeu a solicitude da empresa, que a principios pediu que fose tramitado como proxecto industrial estratéxico, segundo recoñeceu a mesma conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, un día antes do acordo do Consello da Xunta. "Estoume anticipando; por suposto, teremos que deliberalo, pero é moi probábel que comecemos xa a tramitación", declarou entón.
Poucos días antes de se confirmar por parte do Executivo galego a declaración de PIE, que favorece a tramitación exprés e obstaculiza a participación pública, acusaron Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael de "forzar a aprobación da apertura" da mina de Touro malia os seus "impactos ambientais inasumíbeis", ademais de censurar que a Xunta da Galiza "ocultara" durante varios meses a solicitude de reapertura por "fins electorais".


