O hidroxeólogo Steven Emerman alerta do risco de reabrir as minas de Beariz e Touro
Os proxectos das empresas Recursos Minerales de Galicia e Cobre San Rafael para, respectivamente, as explotacións mineiras de Doade, en Beariz (comarca do Carballiño) e de Touro (comarca de Arzúa), "responden ao obxectivo xeral das compañías mineiras de converter o mundo nunha mina xigante”. Esta é a conclusión de Steven Emerman, doutor en Xeofísica, consultor internacional en minaría e experto en valoracións do impacto ambiental de proxectos extractivistas.
Emerman vén de impartir esta semana conferencias e roldas de prensa en Pontevedra, Lousame (comarca de Noia) e Doade. Esta sexta feira farao en Touro para advertir dos perigos destas minas. Na súa visita á Galiza atende Nós Diario para analizar estes dous proxectos pendentes de presentación e tramitación.
No caso de Doade, Recursos Minerales de Galicia (filial do Grupo Samca) agarda ter un novo proxecto en decembro, do que se sabe até o de agora sería unha mina soterrada de 13 hectáreas para a extracción de litio e feldespato nunha área de repercusión que comprendería tamén os concellos de Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Avión e A Lama.
A empresa planea galerías soterradas de 50 a 300 metros de profundidade cun investimento de 60 millóns de euros e 42 anos de actividade para obter 93.000 toneladas anuais de litio. O hidroxeólogo americano explica a Nós Diario que cos datos que se coñecen do proxecto “é posíbel que contaminen os acuíferos e os ríos e que reduza os niveis en pozos e ríos”.
Mais Emerman conclúe sobre Doade que “sería imposíbel levar a cabo este proxecto mineiro”. A análise de Emerman baséase en que a empresa ten dito que reencherá as galerías soterradas esgotadas con todos os estériles de planta e a metade dos estériles de mina”. O doutor pola Universidade de Utah asegura pola contra que “non é posíbel reencher máis de 50% dos estériles de planta, mesmo sen contar cos da mina”. A razón principal, afirma o experto en minaría internacional, é que “a rocha extraída da mina expándese logo de quitar o peso da rocha supraxacente, despois da voladura, da trituración e de mesturarse con auga”.
Con esta explicación científica, Emerman sinala que “o proxecto requirirá sen dúbida a disposición permanente dos estériles de planta na superficie”, e non dentro das galerías esgotadas como asegura Recursos Minerales de Galicia. Tamén destaca Emerman que os documentos da empresa mineira afirman que consumirá auga a un ritmo tres ou catro veces menor que o habitual na industria. Sobre esta afirmación, o hidroxeólogo pregúntase se entón “o plan actual é só un plan ficticio para obter os permisos e cando fará público a empresa o plan real”.
A mina de Touro
Cobre San Rafael quere reabrir a mina de Touro e a pesar de que a Xunta da Galiza non autorizou o proxecto anterior, coa promesa dun novo documento e do saneamento da contaminación que Cobre San Rafael ten provocado na zona, o Consello da Xunta outorgoulle hai uns meses a consideración de Proxecto Industrial Estratéxico, que reduce á metade os prazos de tramitación administrativa. A mina de Touro é cuestionada por Emerman, explica que “o principal problema é a proximidade da presa de estériles de planta á poboación de Arinteiro”, que estaría “a só 200 metros en pendente descendente da presa”.
Moitas minas mal xestionadas na Galiza
Emerman ten claro que “hai moitos exemplos de contaminación mineira e de minas mal xestionadas na Galiza”. Na súa visita esta semana estivo na de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), da que di que “sería exemplo” de mala xestión. Nin sequera a China ou o Brasil permiten unha presa de estériles tan perto da poboación como Galiza. Pero “non se trata só da Galiza. As empresas mineiras pretenden converter o mundo enteiro nunha mina xigante”.

