Os ríos da contorna da mina de Touro manteñen niveis altos de contaminación por materiais pesados
Níquel, cadmio, mercurio e selenio. As análises encargadas pola asociación ecoloxista confirman a mala calidade das augas dos ríos procedentes da mina de Touro e rexistra unha presenza de materiais pesados que, nalgún dos casos, chega a superar en 100 veces o limiar legal permitido.
Ecoloxistas en Acción iniciou un proxecto de monitoreo dos cursos de auga afectados polas drenaxes da mina de Touro "ante a pasividade da Xunta da Galiza e as tentativas da empresa mineira de ocultar a existencia de contaminación grave e persistente no contorno da explotación", sinala nun comunicado dirixido aos medios.
No marco desta campaña de seguimento a entidade encargou a un laboratorio oficial a toma de mostras de augas dos ríos Brandelos, Pucheiras e Portapego, así como dunha escorredura da antiga balsa de lodos selada despois do feche da mina. Os resultados das analíticas confirman a contaminación por metais nos catro puntos analizados, "todos eles con resultado físico-químico insatisfactorio e elevados niveis de níquel, cadmio, mercurio e selenio".
Os vertidos de augas hiperácidas procedentes da mina provocan a contaminación dunhas augas "que están afectando varios afluentes do río Ulla en zonas da rede Natura 2000", alertan Exoloxistas en Acción.
Materiais pesados
No río Pucheiras a concentración de mercurio (10 microgramos/litro) excede en máis de 100 veces o máximo permitido e os índices de cadmio e níquel duplican e triplican, respectivamente, os limiares da normativa da calidade ambiental. No caso do río Portapego, o valor de níquel (140 microgramos/litro) é sete veces superior ao límite legal, mentres que o de cadmio case o triplica. Pola súa parte, o río Brandelos, "no que de xeito reiterado se verten augas contaminadas procedentes da corta de Bama", tamén ten niveis de mercurio 100 veces por enriba do permitido, precisan.
O Control realizado por Ecoloxistas en Acción tamén analizou os focos das emisións. Así, as augas hiperácidas da balsa de lodos de Angumil, presentan un pH de 2,7, extremadamente baixo. Na mostraxe do vertido desta balsa de lodos hai presenza de altas concentracións de mercurio, 100 veces maior do valor máximo. Tamén de selenio cun valor de 4,0 microgramos/litro e de níquel, 290 microgramos/litro; en todos os casos moi por riba dos niveis de referencia que estabelece a lexislación.
"Estes resultado veñen confirmar as denuncias de Ecoloxistas en Acción alertando de que a balsa de lodos da mina fechada en 1988 non foi selada adecuadamente e ten filtracións hiperácidas á gabia do perímetro que recolle as augas pluviais. Unhas escorrduras que verten e contaminan os regos próximos".
Sancións ridículas
A entidade ecoloxista, ademais de trasladar os resultados analíticos ao xulgado instrutor de Arzúa, que investiga os presuntos delitos contra o medio ambiente, chama á Administración a actuar fronte ás denuncias relativas aos vertidos continuados desde a balsa de Bama, que se estiveron producindo entre febreiro e maio deste ano sen ningún tipo de autorización, ás que se suman as denuncias realizadas en outubro polos vertidos permanentes aos ríos Pucheiras e Portapego.
"A pesar da reiteración dos vertidos contaminantes e das múltiples denuncias que realizamos, que levaron ao inicio dun expediente sancionador por Augas da Galiza e un procedemento penal, a empresa propietaria, Explotaciones Gallegas, apenas foi sancionada cunha sanción leve. Unha cantidade que é calderilla para a empresa infractora", lamenta Isabel García, voceira de Ecoloxistas en Acción.

