Social

Xubiladas e pensionistas da CIG reclaman que non se faga negocio coa atención á dependencia

Concentración do colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG (arquivo).
"Para o PP somos un nicho de negocio co que agasallar a empresas privadas que engordan a súa conta de beneficios a custo de recortar en persoal, en atención e en medios", asegura o colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG.

O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG denuncia que para o Goberno de Alberto Núñez Feixoo "os maiores non son un colectivo a tratar co respecto e dignidade que merece quen traballou toda a súa vida por sacar adiante este país". "Para o PP somos un nicho de negocio co que agasallar a empresas privadas que engordan a súa conta de beneficios a custo de recortar en persoal, en atención e en medios", aseguran.

Sinalan que, por iso, na Galiza "só o 25% das residencias son públicas e as prazas que hai son tan escasas; é tan difícil acceder a elas e teñen tantas carencias". "As graves deficiencias existentes estámolas vendo agora, nun momento no que, sendo o colectivo máis golpeado pola COVID-19, a consellaría de Politica Social foi incapaz de pór en marcha, desde o primeiro momento, medidas para evitar contaxios entre residentes e persoal", apuntan.

E isto sucede, ao seu entender, "porque o colectivo de maiores e dependentes, as persoas máis débiles do sistema, non somos unha prioridade para o modelo económico e de sociedade de Feixoo".

Desta maneira, demandan "que non se siga consolidando un modelo de residencias e de atención á dependencia privado que evidenciou como nunca, nesta crise sanitaria, as súas enormes carencias a todos os niveis".

Sistema de Axuda no Fogar

"As carencias do sistema de dependencia saíron á luz con esta crise, mais non só as das residencias, senón tamén as dunha Axuda no Fogar insuficiente e tan pouco considerada, que as súas traballadoras, na súa inmensa maioría mulleres, constitúen un dos colectivos peor pagados na Galiza", salientan as xubiladas e pensionistas da CIG. 

Neste sentido, reclaman que tamén o Servizo de Axuda no Fogar teña a consideración que merece, que se recoñeza a enorme importancia do labor que desenvolven, que se dote de medios ao colectivo de mulleres que traballan en axuda a domicilio e, xunto coa secretaría das Mulleres, que pasen a depender do Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais.

O colectivo de xubiladas e pensionistas da central sindical insiste en que "se valoricen os coidados como un ben social e que se recoñeza, dignifique e respecte ás persoas maiores na Galiza como merecen". Así mesmo, exixe "que se poñan enriba da mesa, nos próximos orzamentos, partidas suficientes para garantir o persoal, os medios necesarios e prazas públicas de residencia abondo en Galiza e, sobre todo, que escenas esgazadoras como as que vimos no último mes non se volvan repetir, pola COVID-19 ou por calquera outra circunstancia". 

Cazolada o día 10

Este colectivo fai especial fincapé na súa demanda para que os servizos públicos e, nomeadamente os servizos sociais, non se atendan en función da súa rendibilidade económica, senón social. "Unha consideración que nunca deberon perder, porque non queremos ser un nicho de negocio nunca máis", destacan.

Fan un chamamento ás familias, ao persoal e a todas as persoas xubiladas e pensionistas, a sumarse á cazolada desde as fiestras de todas as casas, que baixo o lema #QueEscoiten, ten convocada a CIG para a vindeira sexta feira, día 10, ás 12 do mediodía.