Social

As vítimas por COVID-19 en hospitais galegos elévanse a 190 e nas residencias a 34

Probas de detección de coronavirus nos coches (Imaxe: Europa Press)
Galiza ten 5.175 casos de COVID-19 e supera as mil persoas hospitalizadas. A Dirección Xeral de Saúde Pública informa de que dos pacientes con coronavirus 169 permanecen en UCI, 893 están en unidades de hospitalización e 4.113 no seu domicilio.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 5.175. 

Destes casos, 1.058 son da área da Coruña, 555 da de Lugo, 921 da de Ourense, 444 da de Pontevedra, 1.075 da área de Vigo, 816 da de Santiago, e 306 da de Ferrol

Do total de pacientes positivos, 169 permanecen en UCI, 893 están en unidades de hospitalización. Desta maneira, un total de 1.062 persoas están nos centros hospitalarios galegos. Por outra banda, 4.113 fican nos seus domicilios.

Polo de agora, no país rexistráronse 587 altas de pacientes e 182 falecementos. En total, sumando os datos de falecidos nas residencias de maiores aportados por Política Social, o número de mortos por COVID-19 é de 190 en hospitais e 34 nas residencias demaiores. En total, 224.

Desde Saúde Pública trasladan que se teñen realizado un total de 28.191 probas PCR para detectar a presenza de coronavirus até o momento. 

Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

8 falecementos nas últimas horas

O falecemento nas últimas horas de oito persoas que foran diagnosticadas con COVID-19, pero que contaban con patoloxías previas, eleva o número de vítimas mortais en hospitais da Galiza a 182.

Por áreas, segundo informan a Europa Press fontes sanitarias, dous dos mortos, un home de 92 anos e unha muller de 86, estaban ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, que o sábado non rexistraba vítimas.

Ademais, faleceron con coronavirus unha muller e un home de 85 e 86 anos, respectivamente, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; un home de 92 ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e outro de 90 que permanecía no Hospital La Rosaleda, tamén na capital galega.

A estas vítimas súmanse un home de 78 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e unha muller de 84 que estaba no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Coas deste domingo, as 182 mortes rexistradas até agora en hospitais galegos repártense entre a 53 da área sanitaria da Coruña, 37 na área de Vigo, 33 na de Ourense, 24 en Santiago, 14 en Lugo, 12 en Ferrol e 9 na de Pontevedra.

No entanto, hai que ter en conta que no balance trasladado pola Consellaría de Sanidade non figuran as mortes que se rexistran fóra dos hospitais, entre elas as que teñen lugar en residencias de maiores. Segundo datos de Política Social, nestes centros xeriátricos producíronse até o momento 34 falecementos de persoas diagnosticadas con COVID-19. Polo que o número total de falecementos no país, segundo os datos oficiais, é de 216 persoas.