Social

50 novos positivos en coronavirus nas residencias de maiores da Galiza en 24 horas

Residencia San Carlos de Celanova en Ourense (Rosa Veiga / Europa Press).
Desde o sábado o número de contaxios nas residencias da terceira idade na Galiza aumentou máis dun 6%. O número de falecementos nestes centros ascende a 34.

A cifra de casos positivos en residencias de maiores volve crecer este domingo un 6,68%, o que significa que hai 589 usuarios (+35) e 209 empregados (+15) contaxiados na Galiza.

Destas cifras informou a Consellaría de Política Social este domingo, despois de que nas últimas 24 horas confirmáronse 41 dos novos positivos na residencia Divino Mestre de Ourense, 27 entre os residentes e 14 entre os empregados.

Este dato volve disparar os novos diagnósticos confirmados entre os máis maiores, que desde onte aumentaron un 6,32%. Un incremento máis alto é o que se rexistra entre os traballadores, unha subida de 7,73% en número de casos.

Por outra banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, trasladou este domingo que a taxa de letalidade na Galiza está no 2,93%. Esta taxa calcúlase entre o número de falecementos e o número de contaxios. Feixoo só trasladou o dato galego e mais o de Melilla e Ceuta, onde di que está no 2,4%, e apuntou que no resto de territorios é maior. Ademais, sinalou que a media estatal está en 9,5%

O número de novos contaxiados dentro das residencias de maiores é de 36, con todo a cifra total de casos crece en 35 persoas con respecto ao sábado debido a que na residencia Moledo (Vigo) unha das persoas que computaba como positivo nas contas de Política Social, pasou a formar parte das cifras que manexa o Sergas.

Dous novos falecementos 

A morte doutras dúas persoas nas últimas 24 horas eleva a 34 as persoas falecidas dentro das instalacións das residencias de maiores da Galiza.

Así o confirmou a Consellaría de Política Social este domingo, que suma aos 32 que se contabilizaban onte a morte dunha persona na residencia O Portádego (A Coruña) e outra en Nosa Señora da Esperanza (Ourense).

As vítimas mortais das residencias deben sumarse aos falecidos que achegan os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), polo que a cifra total de mortos con coronavirus en toda a Comunidade chega aos 208.

Novos contaxios

Aínda así, dos 36 novos diagnósticos entre residentes, 27 deles foron detectados en Divino Mestre, que xa acumula 35. Despois, dúas persoas deron positivo na residencia de maiores de Foz (5), outros dous en Galisenior de Ourense (3), dous en CRAPD de Vigo (15), un no Portádego (38), un en San Lázaro (43) e un máis na Nosa Señora da Esperanza en Ourense (107).

O resto de residencias manteñen as cifras da pasada xornada, até sumar as 589 afectadas nestes centros.  

209 traballadores infectados

Por outra banda, á vez que aumenta a cifra de maiores afectados tamén crece a de traballadores dos mesmos centros. Desde onte han rexistrouse un subida do 7,73%, o que significa que 15 empregados máis foron diagnosticados.

A residencia Divino Mestre concentrou 14 dos 15 positivos e suma xa 19 empregados infectados. O outro apareceu na Residencia Moledo de Vigo, que ascende o seu cómputo a 12.