Social

Os contaxios en residencias dispáranse máis dun 23% este sábado, suman xa 554 maiores e 194 empregados

Desinfección nas residencias (Marta Fernández / Europa Press).
Un total de 748 persoas con coronavirus están relacionadas con estes centros para a terceira idade na Galiza. 

Os contaxios por coronavirus en residencias de maiores disparáronse un 23,23% este sábado co diagnóstico de 141 persoas máis, que suman un total de 554 usuarios afectados (+112) e 194 traballadores (+29). Un total de 748 persoas con coronavirus están relacionadas con estes centros para a terceira idade na Galiza. 

Destes datos informou a Consellaría de Política Social, que contempla o maior incremento de casos positivos na residencia Nosa Señora da Esperanza en San Rosendo (Ourense). Alí as probas PCR avalaron o contaxio de 81 persoas, polo que agora mesmo hai 106 maiores infectados entre os seus residentes.

En total, detectáronse 117 novos casos deste tipo nas últimas 24 horas que, ao realizar a diferenza co número de persoas falecidas procedentes destes centros (unha de Remanso Claudina-Somoza, dous de DomusVi O Barreiro e dous de Nosa Señora da Esperanza), deixan un incremento de 112 casos activos, o que supón un aumento do 25,34% a respecto dos datos da sexta feira.

En canto aos números que reflicte a cantidade de traballadores infectados por coronavirus, estes creceron un 17,58%, 29 máis que a sexta feira, o que eleva a cifra até os 194.

117 novos contaxios

A maioría dos novos casos (81) apareceron na residencia de Nosa Señora da Esperanza, en concreto o 69,23% deles. A realización de test a todos os usuarios desta residencia explican o incremento drástico en só un día, xa que até onte neste centro constaban 25 casos positivos e hoxe son 106.

Oito novos diagnósticos apareceron na Residencia Concepción Arenal (17), dez en Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (22), sete no CRAPD de Vigo (13), catro en Remanso Claudina-Somoza da Coruña (10), dous en As Fragas de Pontedeume (4) e dous en Castro de Rei (2). En Residencia Matogrande suman un (14 en total), así como nos centros de Bella Vista de Nigrán (1) e Moledo de Vigo (16).

Resto de residencias

Todas estas cifras mencionadas hai que sumalas ao resto de residencias que desde onte non contabilizaron novos casos. Nesta situación atópanse a DomusVi de Cangas (102), DomusVi O Barreiro de Vigo (65), San Carlos de Celanova (43), DomusVi San Lázaro de Santiago (42), O Portádego (37), San Pedro de Crecente (17), Divino Maestro (8), Castro Caldelas (7), Fundación José Otero en Santiago (5), Fogar Bellolar (3), Residencia de Maiores de Foz (3), Residencia de Vilaboa (3), Betania de Viveiro (2), DomusVi Monforte (2).

Á vez, na residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme (Fisterra), San José de Narón, Súa Casa en San Sadurniño, DomusVi Chantada, Virgen de la Luz de Monforte, Lecer Avoíños de Coles, Galisenior en Ourense, DomusVi Pereiro (en O Pereiro de Aguiar) e Ramirás mantéñense un caso cada unha.

194 traballadoras afectadas

Por outra banda, tamén creceron os contaxios entre as traballadoras. Desde onte certificáronse 29 máis, o que significa un incremento de 17,58% con respecto á sexta feira e que suman 194 en total.

Igual que no caso dos usuarios, a residencia da Nosa Señora da Esperanza é a que máis novos diagnósticos entre o seu persoal rexistrou, un total de 27 que elevan a cifra até os 34 empregados con coronavirus.

Os outros dous novos casos apareceron un deles na Residencia Concepción Arenal (4) e outro en DomusVi Monforte (5). O resto de centros mantéñense ingual: Residencia Moledo de Vigo (11), O Portádego (18), San Pedro de Crecente (13), Castro Caldelas (3), DomusVi Cangas (17), CRAPD Vigo (2), San Carlos de Celanova (18), DomusVi San Lázaro (11), DomusVi O Barreiro (11), Remanso Claudina-Somoza (7), Foz (7), Divino Maestro de Ourense (5), Nuestra Señora de Fátima en O Barco (4), San José de Ourense (3), Nosa Señora do Carme (2), Burela (2) e en Cospeito (2).

Casos individuais tamén se rexistran en Fogar Bellolar, Albi Beade de Vigo, Os Gozos de Pereiro de Aguiar, San Simón de Teo, O Rocío Fundación San Rosendo (Vigo), A Porqueira, Castro de Rei, Alvetus (Avión), Melide, Silleda, DomusVi Chantada, Ás Gándaras de Lugo, Betania, San Rafael de Mondoñedo e A Milagrosa de Lugo.