A CIG pide que se considere enfermidade profesional o contaxio de Covid-19 para o persoal de ambulancias

A CIG reclama que se considere tamén enfermidade profesional o contaxio de Covid-19 para o persoal de ambulancias [Imaxe: Carlos Castro / Europa Press].
O decreto exclúe desta cobertura todo o persoal de ambulancias xa que non se considera persoal sanitario. Ademais, as e os traballadores que realizan o transporte non urxente foron relegados á terceira liña de vacinación.

O Consello de Ministros aprobou a pasada terza feira que a Covid-19 sexa considerada como enfermidade profesional no persoal traballador sanitario e sociosanitario que contraeu o coronavirus no exercicio da súa profesión. Non obstante, non é así para o persoal de ambulancia, que queda excluído deste recoñecemento, a pesar da elevada exposición ao risco de contaxio desde o inicio da pandemia. 

Coa finalidade de que se emende esa falta, a FGAMT-CIG vai iniciar contactos institucionais e dirixirase á Xerencia do Servizo Galego de Saúde para que inste o Goberno español a modificar o Real Decreto Lei 3/2021 de maneira que se inclúa tamén no recoñecemento de enfermidade profesional por Covid-19 ao colectivo de traballadoras e traballadores do transporte sanitario (tanto urxente como non urxente), segundo indican desde o sindicato nun comunicado de prensa.

"Unha nova discriminación"

O Real Decreto Lei 3/2021 do 2 de febreiro recolle as medidas relativas á Seguridade Social e á prestación para as e os profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios que no exercicio da súa profesión contraeran o virus SARS-Cov-2, equiparándoas ás prestacións que teñen as traballadoras e traballadores afectados por unha enfermidade profesional.  Non obstante, ademais "da falta de concreción na súa aplicación", "o decreto exclúe desta cobertura a todo o persoal de ambulancias xa que non se considera persoal sanitario", denuncian desde a CIG. 

Para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, esta decisión do Goberno español supón "unha nova discriminación con este colectivo de traballadoras e traballadores, que sofre unha elevada exposición ao risco de contaxio desde o inicio da pandemia". 

Relegados á terceira liña de vacinación

Por outra banda, desde FGAMT-CIG fan fincapé en que "o persoal de emerxencias foi situado na segunda liña de vacinación, pero as e os traballadores que realizan o transporte non urxente foron relegados á terceira liña", polo que aínda non comezaron a recibir a vacina. Unha decisión que non se comprende, segundo explica Pastoriza, cando "este persoal é o que traslada a doentes con Covid-19 entre os hospitais e o que leva as persoas contaxiadas que, estando nos seus domicilios, teñen que acudir aos centros sanitarios, por exemplo, a recibir tratamento".

"Entendemos que esta exclusión no recoñecemento como enfermidade profesional e que se relegue das primeiras fases de vacinación pon en evidencia a escasa valoración que o Goberno español ten deste colectivo laboral, malia estar na primeira liña de atención ás persoas con Covid-19 e ter un contacto directo e unha exposición continuada ao virus", denuncia Pastoriza.

esta exclusión pon en evidencia a escasa valoración que o Goberno español ten deste colectivo laboral, denuncia Pastoriza 

Por iso, desde a CIG tomaranse as medidas necesarias para que o recoñecemento  de enfermidade profesional sexa extensivo a todo o persoal que traballe na sanidade e que se comece a vacinar xa os traballadores e as traballadoras do transporte non urxente, pola intensa exposición que teñen ao virus, indican.