luns 10/08/20
TRABALLO

Traballadoras de ambulancias protestan por toda a Galiza para que lles fagan as probas da COVID-19

A CIG informa das accións de protesta en múltiples bases toda a Galiza levadas a cabo polas traballadoras de ambulancias para exixir á Xunta que realice as probas da Covid-19 a todo o persoal do sector e reclamar a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Protesta no hospital do Salnés (CIG).
Protesta no hospital do Salnés (CIG).

Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias realizaron esta sexta feira accións de protesta en múltiples bases toda a Galiza para exixir que a Xunta que lle faga as probas da COVID-19 a todo o persoal do sector.

Unhas protestas que tiveron lugar en Ferrol, na Estrada, en Lalín, no hospital do Salnés en Vilagarcía, no Grove, en Pontevedra, en Vigo, en Ordes e no hospital do Barbanza en Ribeira, entre outras bases de ambulancias. 

O colectivo tamén reclamou a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que, nas súas palabras, fica "incribelmente desaparecido nesta situación de emerxencia sanitaria".

Ademais destas mobilizacións, a CIG presentou demandas no xulgados do Social pedindo medidas cautelares para que, de maneira urxente, se obrigue á Xunta a realizar estes test a todas as profesionais. 

As traballadoras mobilizáronse de forma simbólica nas bases portando carteis reivindicativos para pedir que se lles recoñeza como persoal sanitario e que se lle fagan xa probas válidas, así como reclamando máis medidas de protección para garantir a súa seguridade e a das pacientes que trasladan. 

3 semanas agardando

Hai xa tres semanas, a Consellaría de Sanidade comunicou que se ían realizar probas da COVID-19 a todas as traballadoras das ambulancias, tanto do transporte urxente como do programado, para evitar a expansión dos contaxios e comprobar a incidencia da enfermidade entre o persoal do sector, segundo lembran desde a CIG.

"Non obstante, até o día de hoxe só se fixeron probas nas áreas da Coruña e Vigo, onde ademais tiveron que repetilas polas deficiencias dos test", explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza. O sindicalista critica que "esta é outra mentira da Xunta" na xestión da crise sanitaria, polo que a CIG acudiu á xustiza para forzar a actuación do Goberno galego. Neste senso, Pastoriza sinala que os tribunais superiores de Euskadi e Catalunya xa ordenaron medidas cautelares por demandas similares, obrigando a realizar as probas do coronavirus a todo o persoal das ambulancias. 

comentarios