martes 29/09/20

A CIG denuncia "escurantismo" no concurso das ambulancias

O sindicato, que agarda por infomación sobre o concurso, exixe que se manteñan os servizos e os postos de traballo
Ambulancia do 061 (CIG)
Ambulancia do 061 (CIG)

O concurso das ambulancias convencionais, os vehículos que prestan servizo en cuestións como as diálises, as altas ou os traslados hospitalarios, finalizou o pasado 15 de agosto sen que, a día de hoxe, os representantes sindicais saiban "cales van ser as condicións nas que se vai prestar de aquí en diante" este servizo, a pesar de que "fai máis dun ano" a Consellería de Sanidade comprometeuse a informar as organizacións sindicais de cales ían ser as condicións nas que ía saír ese novo prego.

Neste senso, a CIG denuncia a "desidia" e o "escurantismo" por parte da Consellería de Sanidade, ao tempo que esixiu que se manteñan todos os servizos e os postos de traballo. O representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, explico que, por mor de diversas informacións nas que se alertaba dunha posible diminución de servizos, os traballadores convocaron unha folga que se ía a iniciar nos días previos ás pasadas eleccións do 12 de xullo, unha protesta que, como lembrou, foi suspendida despois de que o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, os recibise para "dar garantías de que non se ía a recortar".

Segundo Pavón, no encontro, tamén obtiveron o compromiso de que, após as eleccións, volverían chamalos para unha reunión na que lles explicarían "cales eran as condicións" e na que os sindicatos poderían "facer propostas" para que se tivesen en conta á hora de elaborar os pregos do concurso. "Nada disto produciuse", denuncian,  como tampouco atenderon ás dúas solicitudes de reunión que formularon nin aos seus requirimentos por vía telefónica.

Ademais, Pavón asegurou que, segundo a información que teñen as empresas, "o concurso vaise a prorrogar seis meses sen ningún tipo de subida económica", unha decisión que, segundo advirte, provoca unha "situación moi grave" para o mantemento da calidade do servizo. "Nós o que estamos a pedir é que se manteñan todos os servizos que se están presentando e que, por tanto, non haxa diminución nos postos de traballo e que se realicen melloras na calidade asistencial".

En caso de non ver atendidas as súas demandas, o representante sindical anuncia a celebración de asembleas para convocar un proceso de mobilizacións e mesmo non desbotan "unha folga".

comentarios