O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, avanzou este sábado que Galiza comezará a vacinar contra o coronavirus a maiores de 80 anos a partir do 22 de febreiro, segunda feira, "se todo vai ben" e non se produce unha "ruptura de subministración".
Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Aboal sinala que se prevé avisar a este grupo de idade "uns días antes", a partir do 17 de febreiro, co obxectivo de comezar a vacinación o día 22.
Na pasada quinta feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que se traballaba cun calendario de vacinación para este grupo de idade que comezase o 16 de febreiro, pero será uns días máis tarde, segundo o exposto por Aboal este sábado. O titular do Goberno galego marcou como previsión que este colectivo estea inmunizado (tras recibir as dúas doses) a "principios de maio".
A este respecto, Aboal apunta que a intención é que en dous meses se complete a inoculación dos maiores de 80 anos. Farase nos centros de saúde nas cidades, así como nas cabeceiras de comarca no rural.
A próxima semana chegarán 30.000 vacinas
Así mesmo, Jorge Aboal relatou que a próxima semana chegarán á Galiza 30.000 vacinas, unhas 20.000 de Pfizer e 10.000 de Astrazeneca -que só se inxectarán a menores de 55 anos-.
Tamén apuntou que o Ministerio de Sanidade trasladou que se prevé que novas vacinas de Novavax e Johnson & Johnson cheguen a partir de abril. Ademais, espérase que entre o segundo e terceiro trimestre deste ano haxa remesas importantes da vacina de Moderna.
Descenso de contaxios
Todo iso, mentres a curva de contaxios "está a descender" na Galiza, cunha situación epidemiolóxica na que as medidas "están a facer efecto". E é que a incidencia a sete días está "por baixo da metade" das cifras a 14 días.
Remarca que seo descenso nos contaxios tarda entre 12 e 14 días en ter repercusión en baixada da presión asistencial. Con todo, asegura que a situación nas UCI está "estabilizada", despois de alcancarse o pico o paso 4 de febreiro con 254 ingresados, polo que agarda que vaian diminuíndo "lentamente".
Cribados a 50.000 persoas esta fin de semana
Igualmente, Aboal informou de que esta fin de semana van realizar na Galiza cribados a unhas 50.000 persoas. Remarca que funcionan "moi ben", cunha asistencia de entre "o 65% e o 90%".
Entre outras probas, na cidade de Ourense faise un cribado a 12.000 persoas (Expourense), así como a outras 12.000 persoas en Santiago e Ames no recito feiral de Amio.
Unhas 30 camas para pacientes portugueses
Noutra orde de cousas, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas asegurou que hai unhas 30 camas reservadas no Chuvi para atender en "un primeiro momento" a pacientes que poida derivar Portugal, aínda que asegura que aínda non recibiron esta petición.
Xunto a isto, valora que o programa piloto de recollida de mostras de saliva para facer probas de coronavirus en farmacias da área sanitaria de Pontevedra está a ter "moi boa acollida". Por iso, se hai unha boa evolución, estenderase ás catro provincias.
DomusVi de Carballo, máis de 100 infectados
Pola súa banda, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, informou de que ao redor do 95% das residencias de maiores e persoas con discapacidade completaron a vacinación na Galiza.
Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Acevedo dixo que a Consellaría de Política Social traballa nun plan de "desescalada" para as residencias para remitirá proximamente ao comité clínico. Ese prazo para a súa posta en marcha pode coincidir co marcado para as restricións previstas na Galiza até o 17 de febreiro.
Aínda que deixa claro que non se pode "baixar a garda", avoga por "ir retomando espazos de normalidade" para residentes e familias, que "sufriron moito" e "necesitan recuperar parte da súa vida". Serán medidas graduais e non "de cero a cen".
E é que Acevedo chama a atención sobre que fai un par de semanas que hai unha "tendencia de descenso" de contaxios nas residencias grazas á vacinación.
Preguntado pola situación da residencia DomusVi de Carballo, con máis de 100 infectados entre residentes e traballadores, dixo que está "en estudo" se se corresponde á presenza dalgunha cepa como a británica, pero non existe confirmación. Asegura que se rexistrou un "comportamento un pouco anómalo" pola súa virulencia, pero pon o foco acerca de que na última semana conseguiuse "estabilizar".