Denuncian despedimento "inxusto" nas ambulancias de Lugo

A CIG denuncia que a empresa de ambulancias Salutrans realizou un "despedimento inxusto" relacionado coas ofertas á baixa coas que concorreron no anterior concurso.
Concentracion polo despedimento en Salutrans (CIG)
photo_camera Concentracion polo despedimento en Salutrans (CIG)

Unha concentración da CIG diante da empresa Sanitaria Lucense de Transportes SL (Salutrans), adxudicataria do servizo de transporte sanitario hospitalario e programado nos hospitais de Lugo e de Monforte de Lemos, serviu para denunciar o despedimento dun traballador por motivos que o sindicato considera "inxustos". 

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, enmarca este feito nos reiterados problemas que poñen as empresas do sector para garantir o cumprimento do convenio galego de ambulancias. "É un despedimento  totalmente inxustificado", explica. Desde a central nacionalista entenden que con este tipo de medidas, o que están facendo as empresas do sector é asumir os baixos importes cos que a Xunta dota os contratos deste servizo público. "Esta situación", relata, "non se pode desligar das ofertas á baixa coas que concorreron no anterior concurso as compañías amortizando postos de traballo". Hai uns meses a CIG denunciaba outros despedimentos semellantes doutras compañeiras do servizo urxente en Sarria "que concluíron con importantes indemnizacións económicas". O sindicato pide a súa readmisión e de non producirse anuncian que continuarán as mobilizacións.

Comentarios