A CIG propón excluír da eólica mariña os territorios que, como a Galiza, cumpran os obxectivos de produción eléctrica con renovábeis

(Foto: Federico Rostagno).

Presentou esta, entre outras alegacións, ao Proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións ubicadas no mar.

A CIG defende que na avaliación das solicitudes para as instalacións de produción de enerxía eléctrica ubicadas no mar sexan excluídas as que afecten a territorios nos que “o ano anterior á valoración xa cumpran os obxectivos de contribución renovable á xeración eléctrica fixados no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, PNIEC, de aplicación”.

Deste modo, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, entende que se poderían preservar as costas galegas das instalacións de eólica mariña porque “xa temos moita potencia instalada” e “cumprimos sobradamente os obxectivos establecidos”.

Xunto a isto, nas alegacións presentadas ao Proxecto de Real Decreto, a CIG propón que se exclúan tamén as solicitudes que evidencien “un dano grave aos ecosistemas mariños ou a actividade pesqueira desenvolvida na zona proposta” e que  se aumente o prazo para o trámite de avaliación ambiental de 30 días a 45 días. Unha información pública que a central sindical considera que debe ser realizada polas áreas e dependencias de industria e enerxía das delegacións e subdelegacións de Goberno”.

En todo caso propón que para a emisión da declaración de impacto ambiental sexa preceptivo contar co informe de compatibilidade coas estratexias mariñas da Dirección Xeral a Costa e o Mar, así como o “informe vinculante do Instituto Español Oceanográfico e das comunidades”.

Ademais, a central sindical considera que o procedemento de adxudicación debe ser por concesión administrativa e non o de concorrencia competitiva e que “o diálogo debe ser un imperativo para os promotores en favor dos sectores económicos e sociais ameazados”. Un diálogo que se ten que desenvolver por un tempo non inferior aos 3 meses.

Soberanía alimentaria

Para a CIG tamén é esencial que os criterios de ponderación para as concesións prioricen o interese económico e social “salvagardando e protexendo en todo momento a cohesión social e as actividades, zonas e caladoiros de pesca dedicados ao abastecemento de alimentos, priorizando a soberanía alimentaria”. Isto constatándose, ademais, previamente que o proxecto é aceptado polos sectores económicos, sociais e poboacións de costa afectados e que é maior “o impacto socioeconómico positivo e mellora da calidade de vida nos sectores e territorios afectados”.

Nese sentido propón que se poidan incluír criterios “non económicos até un máximo do 70% da ponderación”.

Xunto a isto, o secretario xeral da CIG  explica que a para a CIG é imprescindíbel que xunto aos requisitos técnicos e legais se estableza a obriga de presentar “proxectos de desenvolvemento económico e plans industriais asociados e vinculados creadores de emprego neto real, sen posibilidade de segregar da actividade de produción de enerxía, propostos para a súa implantación nos territorios afectados nos que se aproveite todo o valor engadido pola produción de enerxía”.

Bonificación na factura eléctrica a particulares e actividades económicas

A isto engade tamén a obriga de presentar compromisos de participación pública no capital social; o estabelecemento pola promotora do proxecto dunha bonificación directa na factura eléctrica do 10% para as persoas consumidoras domésticas e dun 30% para as actividades económicas con domicilio nos territorios afectados por estas instalacións.

Do mesmo modo, a CIG considera que as empresas promotoras dos proxectos deberán ter sede social e fiscal nas comunidades afectadas e que o prazo de concesión do dominio público marítimo-terrestre sexa de, como máximo 25 anos.

Con todo, a central sindical considera que este Real Decreto non pode entrar en vigor “até a finalización dos procesos xudiciais abertos ante as reclamacións formuladas pola Plataforma da Pesca e dos Ecosistemas Mariños”, ante o Real Decreto 150/2023, de 28 de febreiro, polo que se aproban os plans de ordenación do espazo marítimo e dos recurso interposto ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo.