SOCIAL

A CIG-Ensino ve "inviábel" a volta ás aulas este curso e critica que a Consellaría estea "de brazos cruzados"

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino (cedida).
"Descansaron toda a responsabilidade no Ministerio, tanto en tema de prevención de riscos e ausencia dun protocolo que por lei só lle corresponde á Consellaría, como no 'que facer' a partir de agora", sinala Suso Bermello.

A CIG-Ensino participou nunha reunión entre a Consellaría de Educación e os sindicatos e ANPAs galegas que, segundo as súas conclusións, foi máis ben unha "comparecencia informativa" da conselleira, Carmen Pomar, na que nin se mencionou o motivo da xuntanza: "a posición da Consellaría ao respecto do final deste curso e o comezo do seguinte".

"Descansaron toda a responsabilidade no Ministerio, tanto en tema de prevención de riscos e ausencia dun protocolo que por lei, non o esquezamos, só lle corresponde á Consellaría, como no 'que facer' a partir de agora", critican desde o sindicato maioritario no ensino galego, para evidenciar a "comodidade" na que está instalado o Goberno galego a respecto das afectacións no ensino pola pandemia da COVID-19. 

"Desde o inicio do estado de alarma vimos á Xunta moi cómoda cunha actitude de brazos cruzados agardando a que o Goberno central lle ditara instrucións e despois empregalas ou criticalas segundo lle conveña electoralmente ao Partido Popular", engadiu Bermello.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, salientou que a actuación do departamento de Pomar estivo "centrada na improvisación e nos incumprimentos normativos" e incidiu na "vulneración da Lei de Prevención de Riscos Laborais" que obrigou o sindicato a presentar denuncia ante a Inspección de Traballo polas "recomendacións sanitarias" ditadas por Educación antes da apertura dos centros para a xestión da admisión do alumnado.

"Risco innecesario"

"O desconfinamento educativo a finais deste curso fai saltar todas as alarmas desde o punto de vista dos riscos para a saúde pública que tería a volta de determinados grupos de alumnado ás aulas", explicou Bermello, que xa cualificou como "inviábel" a volta ás aulas con condicións sanitarias de seguridade este curso. 

"Sería correr un risco innecesario por tan pouco tempo de ensino presencial e nin sequera para todo o grupo, senón só para uns poucos", indicou, para insistir en que o papel da escola "non pode ser asistencial" e que se terán que habilitar medidas de conciliación da vida familiar e laboral, así como permisos retribuídos que lle permitan ás familias atender o coidado das crianzas. 

Neste sentido, a CIG-Ensino só entende que "puntualmente", mediante quendas ou titorías individualizadas, se poidan artellar fórmulas de ensino presencial para alumnado de 2º de Bacharelato ou 2º de ciclos formativos "sempre que se vexa necesaria esta presenza para complementar a preparación das probas de acceso á universiade, as ABAU

"Exercer as competencias"

Suso Bermello trasladou á conselleira as dúbidas e queixas do profesorado a respecto das instruccións enviadas desde Educación para o desenvolvemento deste terceiro trimestre.

"De novo atópanse criterios contraditorios nesas instrucións que o que si que fan claramente é aumentar a burocracia e o papeleo inútil, así como o control por parte da inspección que, unha vez máis, detraen un tempo valioso que podería empregar o colectivo docente en preparar as clases a distancia", di o secretario nacional. 

"O estado de alarma vai rematar e a Xunta ten que exercer as súas competencias plenas en materia educativa", evidenciou. "Estase perdendo un tempo moi valioso en aproveitar estes meses para debater, achegar ideas e propostas para deseñar o inicio e quen sabe se o desenvolvemento de todo o próximo curso académico". 

CIG-Ensino solicita recursos públicos para "incrementar a contratación de profesorado, adaptar espazos existentes ou habilitar outros novos, diminuír as ratios nas aulas para cumprir as distancias de seguridade, reordenar servizos de comedor ou transporte escolar e afrontar a posibilidade de combinar ensinanza presencial e a distancia".