CIG-Ensino denuncia Educación en Inspección de Traballo polas “recomendacións sanitarias” para os centros

Aulas nun centro (Nós Diario)

Considera que se incumpre a lexislación en prevención de riscos laborais.

CIG-Ensino presentou unha denuncia en materia de prevención de riscos laborais contra a Consellaría de Educación coincidindo coa incorporación aos centros educativos de máis persoal a partir de hoxe, 11 de maio, para poder atender a fase final do prazo de admisión en centros escolares.

O sindicato maioritario no ensino público xa advertira de quería dar este paso se a Consellaría non apostaba por negociar. Para a central, é “inaceptábel” a apertura dos centros escolares, argumentando que non se negociou a reapertura, “como é preceptivo en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos”, e por se se tratar dun documento sen rango normativo “que dificulta a xestión e non garante a saúde laboral”. .

A CIG-Ensino reitera a determinación para que non se produza a incorporación do persoal se non existen todas as garantías e acusa a Consellaría de ter “un peor trato co  persoal dos centros docentes que co resto do persoal da administración xeral da Xunta".

Así, sinala que para todo ese persoal que, con independencia tanto das formas da negociación como do fondo do documento, "si existe un protocolo publicado no DOG para a incorporación das traballadoras e traballadores”.

Educación, acusa o sindicato, “nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal máis alá dun integrante do equipo directivo”.

CIG-Ensino alerta tanto ao profesorado como ao conxunto do persoal da necesidade “de extremar as medidas de distanciamento e protección e denunciar calquera incumprimento en materia de saúde laboral”.

Ao tempo, chama as familias a que procuren usar a sede electrónica para formalizar a solicitude de admisión, “facendo excepcional o desprazamento aos centros e procurando contactar antes coa dirección ou persoal administrativo para programar a visita ao centro, xa que a Xunta non fixou como obrigatoria a cita previa”.