Si á baixada de alumnado por aula, non á unilateralidade para o inicio do curso

Os sindicatos alertan do risco de desigualdade que provoca a educación telemática (Europa Press).
Co curso presente aínda por fechar, as plataformas que representan o colectivo docente recelan das directrices que chegan desde o ministerio para o reinicio das aulas. Segundo os sindicatos, lánzanse sen unha interlocución previa e sen ter en conta que será a Xunta quen teña que implementalas. A docencia reclama planificación, recursos e protocolos de prevención

As manifestacións da ministra de Educación, Isabel Celáa, que apuntan a un inicio do vindeiro curso escolar cun máximo de 15 estudantes por aula e a coexistencia da docencia presencial e virtual, chegan sen unha mínima interlocución previa. Así o apuntan as principais forzas sindicais galegas do ámbito do ensino e así se interpreta tamén da resposta da conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen, no día de onte, demandaba á ministra, vía telefónica, unha convocatoria ás distintas Administracións "para fixar unhas liñas claras para o inicio do vindeiro curso en todos os territorios".

Desde A CIG-Ensino amosan a súa preocupación polo anuncio. "De novo non se consulta coas organizacións sociais nesta planificación e non están enriba da mesa as solucións reais que precisa o sistema educativo e que impedirían afondar no fracaso e nas desigualdades que se están a forxar no remate deste curso", sinala o sindicato, en liña coa crítica que chega tamén desde as áreas de ensino de CCOO e UXT, e que advirte ademais de que  a materia educativa é competencia do Goberno galego. 

Se existe coincidencia sobre a falta de comunicación do Goberno estatal e da Xunta cos axentes sociais nas decisións que atinxen tanto o inicio do vindeiro curso como o remate deste, tamén é unanime a aposta pola baixada do número de alumnado por aula, mais non só como medida para atender a emerxencia sanitaria, tal e como apunta o ministerio, senón como unha medida máis para mellorar a calidade educativa.

"Baixar as ratios é unha demanda recorrente de UXT e penso que é unha reclamación do conxunto das organizacións", expresa a responsábel de ensino deste sindicato, Paula Carreiro, quen destaca a necesidade de aumentar profesorado para asumir o traballo presencial con máis aulas e, ao tempo, o virtual. 

"Infraestruturas temos, porque hai moitos centros públicos fechados no rural e na periferia das cidades, ou desocupados, e mesmo nos dos centros das cidades pódense adecuar espazos de forma transitoria", considera a responsábel de UXT, quen alude tamén ás "eivas" da educación telemática en etapas como a de infantil e primaria, "unhas idades nas que aprender a tocar, a sentir, a apalpar e a relacionarse", e o risco de que se normalice esta modalidade formativa polas necesidades que impón a crise sanitaria.

Fenda "dixital, social e territorial"

Desde CCOO, a secretaria xeral de ensino, Luz López, salienta a "realidade brutal que supón a fenda dixital, social e territorial". "Non se pode deixar a ninguén atrás e está ocorrendo. Para poder manter o ensino online é preciso un plan previo de dixitalización e conectividade para toda a poboación e a posta a disposición formación e medios para alumnado, familias e tamén para docentes", estima, para reclamar formación específica para o profesorado por parte da Consellaría.

A redución de alumnado por aula é tamén, neste caso, unha demanda histórica. "Sería unha noticia estupenda se non fose causa dunha pandemia e se fose factíbel", advirte, para facer notar a necesidade dunha planificación que vai desde a articulación dos protocolos de entrada, saída e uso de espazos comúns dos centros, de organización equilibrada da presencialidade coas aulas virtuais e protocolos de seguridade e saúde. 

Para a CIG, as necesidades do sistema educativo de cara ao próximo curso para "impedir afondar no fracaso e nas desigualdades que se están a forxar no remate deste" pasan, ademais, por un reforzo de acción titorial e de apoio educativo, que se concretan nunha necesidade de máis dotación de profesorado, permitir desdobres que faciliten a redución da ratio de estudantes por materia e, tamén, pola baixada do número de alumnado na aula.

"É obvio que todo isto require dun incremento orzamentario moi importante", alerta o secretario nacional de Ensino do sindicato, Suso Bermello, quen avanza que se o endebedamento público é alto hoxe, deberá selo aínda máis para soster os servizos públicos e, no caso da educación, evitar "un fracaso escolar enorme".

"Nin de custodia nin asistencial. A función do ensino é a educación"

A falta de planificación das Administracións estatal e galega no desconfinamento plásmase, a ollos da CIG, na "ausencia de conciliación efectiva da vida familiar e laboral do sistema" e a "instrumentalización" da educación. "O ensino non ten unha función asistencial nin de custodia das crianzas, polo que o labor docente debe ser educativo en todas as etapas e non está para resolver a falta de flexibilización das xornadas laborais", advirte.

"Os centros non son nin teñen que ser 'aparcanenos', pero as familias teñen que organizarse en función dos horarios lectivos e laborais", alerta, na mesma liña, UXT, que reclama unha planificación de cara ao novo curso que evite que "outra vez sexa o colectivo feminino quen teña que encargarse dos coidados, a costa de reducir xornadas ou permisos, empeorando a súa situación laboral".