A CIG-Ensino considera un "despropósito" a mudanza de criterio da Xunta cos comedores escolares

Crianzas nun comedor escolar (Foto: Europa Press).
As xefaturas territoriais da Consellaría de Educación remitiron nestes últimos días varios correos electrónicos a todos os centros docentes con comedor escolar propio dependente deste departamento da Xunta así como a aqueles con comedores xestionados por ANPA coas mudanzas que se deben implementar.

A Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) considera un “despropósito” o cambio de criterios no relativo aos comedores escolares comunicado pola Consellaría de Educación aos centros en apenas tres días. O sindicato non entende que se soliciten datos e valoracións nutricionais a persoal que non ten encomendadas esas funcións e que se “impoñan” ademais uns prazos que dificultan a xestión dos centros.

As xefaturas territoriais da Consellaría de Educación remitiron nestes últimos días varios correos electrónicos a todos os centros docentes con comedor escolar propio dependente deste departamento da Xunta así como a aqueles con comedores xestionados por ANPA.

Segundo indica a central sindical, nun primeiro correo pedíase que se remitise información con control documental de todos os menús de comedores escolares, cafetarías e máquinas expendedoras dos centros educativos, para a participación nun programa de control da cadea alimentaria promovido polo Ministerio de Sanidade. Dábase un prazo de tan só tres días para enviar esa información.

Posteriormente a Consellaría “mudou esas instrucións, cunha solicitude de información moito máis prolixa e introducindo valoracións nutricionais que exceden por completo as funcións que o persoal docente responsábel de comedor ou o propio persoal de cociña teñen asignadas”.

CIG-Ensino subliña que esta segunda solicitude, que “desbota o traballo daqueles centros que xa a remitiran”, non só implica esa asignación de responsabilidades “impropias”, senón que se volve “indicar un prazo (neste caso o día 25 deste mes de maio) que implica unha sobrecarga de traballo que non se pode consentir”.

"A Consellaría de Educación non só non move un dedo para reducir a abafante burocracia que impón nos centros educativos senón que acepta un incremento dunha maior carga burocrática sen control do que se pide nin do que implican os prazos sinalados", denuncia a federación de Ensino.

Peticións

Tendo en conta todo o anterior, a CIG-Ensino solicita a revisión das instrucións enviadas e que tanto a asignación de funcións como a temporalización dos traballos solicitados estean baixo o control da Consellaría de Educación, con independencia da necesaria coordinación desta con Sanidade.

Tamén piden a delimitación de funcións que lle son propias ao diferente persoal encargado de comedor e de cociña, evitando que teñan que facerse cargo de cometidos como as valoracións nutricionais que competen a persoal coa necesaria formación, como poden ser nutricionistas.

Despois da necesaria rectificación e delimitación de funcións, ampliación dos prazos para poder facer efectiva a entrega da información que proceda sen que incida negativamente na actividade normal dos centros.

Finalmente piden que toda a documentación que remita a administración galega estea en galego, xa que documento denominado “Programa 16_Evaluacion nutricional menús escolares”, con logotipo da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade está integramente redactado en castelán.