A CIG presenta case 1.400 sinaturas pedindo compensacion salarial para docentes de FP que non pasen ao corpo da Secundaria

O sindicato nacionalista emprendeu unha campaña entre finais de novembro e as vacacións de Nadal para solicitar, "centro a centro", firmas en apoio deste complemento para os docentes técnicos de FP.
Suso Bermello, terceiro pola dereira, secretario nacional da CIG-Ensino (Foto: Nós Diario).
photo_camera Suso Bermello, terceiro pola dereira, esta terza feira en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

A Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) presentou esta terza feira un total de 1.375 firmas ante a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para solicitar un complemento salarial para que aqueles profesores técnicos de Formación Profesional (FP) que non poidan integrarse no corpo de Educación Secundaria (PES) teñan os mesmos dereitos retributivos que os que si o fagan.

Este asunto deriva da extinción do grupo de Profesores Técnicos de Formación Profesional (CPTFP) que implicou a Lomloe, a lei educativa en vigor desde 2021, tal e como explicou nunha rolda de prensa o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Os docentes desta modalidade educativa que conten cun título universitario, que "son a maioría", poderán acceder ao PES, que se corresponde co subgrupo funcionarial A1.

De acordo con estimacións do sindicato, baseados en cifras oficiais da Consellaría, son uns 1.377 profesores: 1.003 que son funcionarios de carreira e 374 interinos.

Con todo, os que non poidan ingresar no PES, continuarían no subgrupo A2 coa consecuente diferenza na nómina.

Neste caso, serían os que queden no corpo para extinguir, así como aqueles do grupo Profesorado Especialista en Sectores Singulares da FP (PESSFP), que engloba uns 839 docentes -666 funcionarios de carreira e 173 interinos- e a outros 73 doutras especialidades -13 funcionarios e 60 interinos-.

De todos estes, "a maioría" non contan con titulación universitaria porque para seguir exercendo no seu posto non se exixe formación universitaria. "O 'quid' da cuestión é se tes titulación universitaria ou se non a tes", resumiu Bermello.

"A pelota está no tellado da Consellaría"

A pesar de que a CIG, sindicato maioritario entre o persoal educativo, asegura compartir as críticas xa manifestadas respecto diso polo titular de Educación da Xunta, Román Rodríguez, contra a "pésima xestión" da extinción do CPTFP por parte do Goberno español, a central sindical insiste en que "agora a pelota está no tellado da Consellaría".

"Ten que ser a Administración galega a que decida se deixa tirados unha chea de profesionais manténdoos no grupo de referencia, a extinguir, como varado, ou se acepta a proposta que desde o sindicato lle trasladamos, primeiro ao Ministerio con algo de éxito pero con menos do que nos gustaría, e agora á Consellaría de que se equiparen todas as condicións de traballo, especialmente as retributivas", incidiu Bermello.

O responsábel da CIG-Ensino argumentou que este complemento en Euskadi está recoñecido "desde os anos 90" e asegurou que serán, polo menos, uns 170 euros brutos ao mes para aqueles que acaben de ingresar, aos que habería que sumar os trienios, en cada caso.

Todo iso con aplicación retroactiva desde xaneiro de 2021. "Para o persoal cunha dilatada experiencia, serían pouco máis de 200 ou 220 euros brutos ao mes", engadiu.

Silencio da Xunta

Con todo, Bermello lamentou que desde a Consellaría se mantén "silencio", cunha estratexia de estar "á espera" e de "botarlle a culpa ao Goberno de Madrid".

Así, o sindicato nacionalista emprendeu unha campaña entre finais de novembro e as vacacións de Nadal para solicitar, "centro a centro", firmas en apoio deste complemento.

En total recolleron 1.375 rúbricas, que supón "unha maioría ampla" dos docentes técnicos de FP.

Comentarios